O Pontevedra a referendar o seu excelente momento en Bertamiráns
Por Ramiro Espiño
Pode que sexa un dos partidos claves da tempada. O Pontevedra poñerá a proba o seu excelente momento de xogo e resultados o domingo (16:30 horas) no Municipal de Bertamiráns, fronte ao equipo que adestra Javi Touriño, baixo a dirección arbitral do colexiado coruñés ÿscar López Fernández.
O conxunto santiagués, debutante na categoría, está a realizar unha tempada máis que aceptable. Comodamente instalado na zona morna da táboa, basea a súa fortaleza nos partidos nos que actúa como local, ata o punto de que unicamente Dorneda e Alondras conseguiron vencer, sen encaixar máis que sete goles nos once partidos disputados, e sendo o equipo de Cangas o único que logrou facerlles máis dun tanto.
Precisamente as reducidas dimensións do seu terreo de xogo, de herba sintética, serán un dos obstáculos a bater polos granates. Neste tipo de escenario adquiren especial importancia as accións a balón parado e as segundas xogadas, que os de Javi Touriño teñen moi ensaiadas.
Consciente diso, o adestrador granate, Manu Fernández, coidouse moito, nas poucas sesións que puido celebrar durante a semana, en traballar ambos os dous aspectos, insistindo aos seus xogadores na necesidade de estar moi concentrado durante todo o partido.
E é que de obter os tres puntos, o Pontevedra podería dar un paso definitivo para a súa consolidación na zona nobre da clasificación. De aí que o equipo teña moi clara a importancia do resultado fronte a un rival ao que lle custa facer gol, pero que se mostra moi sólido no aspecto defensivo.
Tras o último adestramento realizado polos granates na tarde do venres, no sintético da Xunqueira, a mellor noticia foi comprobar que Tubo, aínda que mantén lixeiras molestias, se recuperou a tempo e está en condicións de xogar, o que deixa limitado os inquilinos da enfermaría a Luismi, que haberá de realizar rehabilitación durante dez días máis, ao seguir con molestias no menisco.
Mesmo Benja e Pedro Crespo están xa a disposición de Manu Fernández, se ben o técnico optou por deixalos fóra da convocatoria, dadas as características do rival e do escenario, o que fai que, ante a baixa de David Feito por sanción, a lista de convocados teña un só cambio con respecto aos 16 citados na xornada anterior, con Miguel, recuperado das súas molestias no colo, ocupando a praza do citado Feito.
Así pois, os xogadores que se desprazan ata Bertamiráns son: Edu, Paco, Caco, Adrián, Pablo, Yago Vázquez, Miguel, David García, Moreira, Pablo Lede, David Pérez, Fran Fandiño, Tubo, Javi Otero, Kevin Levis e Pablo Carnero.
Relacionadas:
-
Un gol de Fran Fandiño no minuto 90 dá a vitoria ao Pontevedra (0-1) ante o Bertamiráns
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada