Támara Echegoyen, coas opcións de podio intactas despois de tres xornadas de Mundial
Por Diego Espiño
As opcións de conseguir unha medalla no Campionato do Mundo de Vela da clase 49erFX seguen intactas para Támara Echegoyen e a súa compañeira Paula Barceló despois de tres días competición en augas de Lanzarote.
A regatista pontevedresa protagonizou o martes un positivo arranque de Mundial, desde a sexta posición, pero o mércores un sexto parcial e un décimo nas dúas mangas disputadas fixéronas caer ao undécimo posto da xeral.
Lonxe de desfalecer, a parella que representará a España nos Xogos Olímpicos de París repúxose este xoves na terceira xornada de competición, na que se disputaron un total de catro regatas.
Echegoyen e Barceló asinaron un décimo na primeira manga do día pero repuxéronse con dous terceiros postos parciais e un sétimo para ascender á quinta posición da clasificación.
Asegurado pasar o corte no Grupo Ouro, agora o obxectivo será chegar á última xornada, a do domingo 10 de marzo, entre as dez mellores tripulacións para participar na Medal Race.
Polo momento, despois de tres días de competición, lideran a táboa as suecas Vilma Bobeck e Rebecca Netzler (20 puntos) seguidas das neerladesas Odile van Aanholt e Annette Duetz (23 puntos) e as italianas Jana Germani e Giorgia Bertuzzi (30 puntos), a 9 puntos das españolas.
Relacionadas:
-
Támara Echegoyen e Paula Barceló, sextas no Mundial
Por Redacción |
-
Bo arranque de Támara Echegoyen no Mundial 49erFX de Lanzarote
Por Diego Espiño |
-
Támara Echegoyen colga o bronce no Europeo de Vilamoura
Por Diego Espiño |
-
A Federación Española confirma a praza olímpica de Támara Echegoyen para París 2024
Por Diego Espiño |