Támara Echegoyen e Paula Barceló, sextas no Mundial
Por Redacción
Támara Echegoyen e Paula Barceló quedaron sen medalla no Campionato do Mundo de Vela da clase 49erFX de Lanzarote tras conseguir un sexto posto na clasificación xeral.
Pese ao bo arranque de Mundial, precisamente desde a sexta posición, a dupla galega-balear afrontou a última regata antes da Medal Race nunha sexta praza provisional pero a 21 puntos do podio, polo que todo apuntaba a que era moi difícil entrar no podio.
Saíron na Medal Race a por todas, pero finalmente foron sextas tanto na última carreira como en xeral.
O podio formárono as holandesas Odile van Aanholt e Annette Duetz, que son as novas campioas do mundo de 49erFX e se resarcen así da prata gañada no Mundial pasado en casa, na Haia. Cambian os papeis coas suecas Vilma Bobeck e Rebecca Netzler, campioas naquel entón e prata agora. As italianas Jana Germani e Giorgia Bertuzzi levaron o bronce.