A Ruta do Albariño de ciclismo estreita lazos con Portugal integrándose no Trofeo Miño-Galaico
Por Redacción
A Federación Galega de Ciclismo e a Associação Ciclismo do Minho crean desde esta tempada o Trofeo Miño-Galaico para a categoría júnior.
Unha alianza galego-portuguesa que inclúe a unha proba xa clásica dentro do calendario ciclista da comarca, a Ruta do Albariño.
A competición ciclista do Salnés, que este ano vivirá a súa undécima edición en Cambados, estreará o novo trofeo o próximo 1 de maio.
Trátase ademais dunha carreira que nos últimos anos tivo especial protagonismo de corredores lusos que agora destacan no pelotón profesional, como João Almeida e António Morgado.
Xunto á Ruta do Albariño súmase ao Trofeo Miño-Galaico o 66º Circuíto Santo António de Amares, previsto para o 9 de xuño no distrito de Braga.
Unha nova competición que nace, asegura a Federación Galega, co obxectivo de impulsar o calendario júnior e que contará con clasificacións conxuntas e camisolas para a xeral, a montaña ou as metas volantes.