O Villa de Aranda complica as aspiracións do Cisne (25-27)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz
Dolorosa derrota a encaixada polo Club Cisne Balonmano diante dun Villa de Aranda que pon máis terra polo medio na clasificación e colócase a tres puntos dos de Pontevedra.
Era un partido de vital importancia para entrar no play-off polo ascenso, especialmente despois de caer a pasada xornada ante outro rival coas mesmas aspiracións, pero os xogadores de Jabato volveron caer na tónica das imprecisións e os nervios e, a pesar de loitar ata final, cederon 25-27.
Empezou o partido da peor maneira para o Cisne, que recibía un parcial en contra de 1-5 tras unha serie de desacertos nos pases e de estrelar os lanzamentos contra o corpo de Magnol.
Apareceu entón a figura de Abián Rodríguez baixo paus, os brancos empezáronse a entoar tamén en ataque e deixaron atrás o mal inicio para meter a directa e voltear o resultado (8-7).
Pero ao Cisne seguíanlle podendo os nervios e custáballe moito traballo ver portería, desperdiciando unha serie de ofensivas coas que puido ampliar a diferenza especialmente despois da dobre exclusión nas filas do Villa de Aranda en apenas 14 segundos. Os visitantes volveron atopar as fraquezas dos de Lérez e recompuxéronse enviando os balóns ao pivote; Jabato parou o tempo para pechar os ocos no centro da defensa e os seus xogadores obedeceron para manterse dentro do partido e chegar ao descanso cunha desvantaxe de tan só un gol (12-13).
Con todo, á volta dos vestiarios ao Cisne volveu custarlle ver porta con facilidade, o que se traducía nun resultado de 12-15 ao comezo do segundo tempo. Abián reapareceu cando se equipo máis o necesitaba e os seus compañeiros responderon apertando o marcador en 14-15, pero un novo apagamento ofensivo obrigou a Jabato a parar o cronómetro cando apenas se cumpriron o primeiros dez minutos da segunda metade (14-17).
Anotaron Dani Serrano e Rubén Etayo para apertar o resultado e o partido entrou nun tira e afrouxa. O Villa de Aranda trataba de ampliar a diferenza e o Cisne mantiña o pulso como boamente podía a pesar de ir continuamente por detrás no marcador. De feito, cando parecía que os locais ían empatar, regresaron as imprecisións e os erros, que serviron aos de Javier Marquez volver abrir brecha e poñerse catro goles por encima (20-24, min. 51).
As cousas complicáronse, e moito, para os de Lérez, que quedaban sen tempo e necesitaban unha reacción urxente. Restaban cinco minutos para a conclusión e a remontada era factible. O técnico visitante parou o tempo para xogar da mellor forma a súa vantaxe (21-24), pero o Cisne, cunha defensa 5-1, pechou a porta ao seu rival e Mateo Arias anotou un dobrete para colocar ao seu equipo a tan só un gol do empate (23-24, min. 56).
Os de Pontevedra estaban a agarrarse como podían ao resultado, pero o que mandaba seguía sendo o Villa de Aranda. Dani Serrano anotou o 25-26 cando quedaban 35 segundos para a conclusión, Javier Márquez parou o cronómetro para que o seu equipo non desaproveitase a última acción ofensiva e Álex Berbel, case sobre a bucina, fixo o último tanto da tarde que significou o triunfo por 25-27 dos de Aranda de Douro.
Consulta a acta nesta ligazón
Relacionadas:
-
Importante vitoria do Cisne ante o Ibiza para asaltar os postos de play-off (29-24)
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
Triunfo balsámico do Cisne en Alcobendas (28-31)
Por Almu Dapena |
-
Cisne e Teucro, a exame ante Alcobendas e Reconquista de Vigo
Por Redacción |
-
Reparador triunfo do Cisne en Oviedo para reengancharse á pelexa polo play-off (30-33)
Por Diego Espiño |
-
Xornada vital para as aspiracións do Cisne coa visita do Villa de Aranda ao Municipal
Por Redacción |
-
O Atlético Novás apea o Cisne da Copa do Rei (27-22)
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- Indignación no Cisne coa decisión arbitral que lles deixou sen un valioso punto en Málaga
Por Diego Espiño |
-
Cruel derrota do Cisne ante o Trops Málaga (29-28)
Por Almu Dapena |