Pontevedra como cidade deportiva "non funcionaría se non nos adaptamos aos novos tempos"
Por Redacción
A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no campus pontevedrés acolle esta semana a cuarta edición do Galicia Sportech Congress, evento centrado na transformación dixital e innovación no mundo do deporte.
"Pontevedra ten unha gran capacidade organizativa a nivel deportivo, somos un referente a nivel internacional. Desde a Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte, ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva, que está maioritariamente en Pontevedra. Este ecosistema non funcionaría se non nos adaptamos aos novos tempos, ás novas tecnoloxías e á innovación, algo que conseguimos ao organizar este congreso", defendeu no acto inaugural do mesmo o alcalde da Boa Vila, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do xerente de Deporte Galego, Iván Clavel; o decano da facultade, Óscar García; e os cofundadores de Galicia Sportech, David Suárez e Lalo García; ademais do xornalista José Ramón de la Morena.
"É un orgullo e un pracer poder estar a facer na nosa terra este tipo de congresos", afirmou David Suárez destacando a presentación este mesmo martes de Feeberse, unha rede social de fútbol, xornalismo e comunicación deportiva na era dixital que "é todo un fito, estamos diante dunha presentación do Facebook do mundo do fútbol".
Trátase dun proxecto desenvolvido integramente en Galicia coa que se pretende conectar a afeccionados, profesionais, medios, clubs e futbolistas.
Ademais o Galicia Sportech Congress contaba na súa programación con diversos clínics de baloncesto, balonmán, fútbol, escalada e rugby, así como mesas redondas e relatorios nas que participan clubs deportivos, federacións ou empresas tecnolóxicas.
De feito, para a última xornada do congreso prevista para este mércores 10 de abril está programada unha das actividades de maior impacto e asistencia, a Sportech Competition, na que máis dunha vintena de compañías 'sportech' terán a oportunidade de presentar as súas propostas.
Todas as sesións pódense seguir de forma gratuíta de maneira presencial e en liña na web www.galiciasportechcongress.com.