Paso firme da Gimnástica na primeira xornada do Campionato de España de Clubs
Por Redacción
Importante primeiro paso para que os equipos da Sociedad Gimnástica cumpran os seus obxectivos no Campionato de España de Clubs.
Na primeira xornada de liga, o equipo masculino do club pontevedrés asinou un terceiro posto na súa xornada de División de Honra en Soria que pon os cimentos cara á permanencia na máxima categoría.
A Gimnástica sumou 178 puntos sendo superado polo Fent Camí Mislata (208 puntos) e o Atletismo Numantino (184), pero por diante do AA Catalunya (116) para colocarse no noveno posto da clasificación xeral.
En canto aos resultados individuais destacaron os primeiros postos de Alfonso García no salto de altura (2.07 metros), Oriol Almirall en pértega (5.16 metros), Sergio Coello en lonxitude (7.47 metros), Pablo Costas na xavelina (70.89 metros) e Daniel Chamosa na 5.000 marcha.
SEGUNDO POSTO DO EQUIPO FEMININO
Tamén arrincou con resultados positivos o equipo feminino da Gimnástica na Primeira División, nunha xornada disputada en Madrid na que as pontevedresas foron segundas (172 puntos), achegándose ao obxectivo de pelexar polo ascenso.
O gañador da xornada foi o AD Sprint (196 puntos), co Cooperativa A Palma terceiro (161,5 puntos) e Bahía Algeciras (158,5) no cuarto lugar, quedando a Gimnástica no sétimo posto da clasificación conxunta.
Varias atletas do club pontevedrés asinaron triunfos nas súas probas, como Antía Chamosa na 5.000 marcha, Sabela Castelo nos 3.000 metros, Lía Caride nos 400 valos, Ariadna Gil no triplo salto (11.94 metros), María Ezquerro en peso (12.46 metros) e disco (43.51 metros) e Victoria Eiriz en martelo (44.58 metros).
Na próxima xornada de liga, prevista para o 4 de maio con sedes aínda por definir, o equipo masculino medirase a Pamplona Atletismo, Cornellá e Capex e o feminino fará o propio fronte a Ría de Ferrol, Club Atletismo Elche e Bidezábal Atletismo.
Relacionadas:
-
Dobrete da Gimnástica no Campionato Galego de Clubs
Por Redacción |
-
Antía Chamosa, bronce mundialista por equipos nos 20 quilómetros marcha
Por Almu Dapena |
-
Aberto o prazo de inscrición para o Medio Maratón de Pontevedra, que se celebrará o 20 de outubro
Por Almu Dapena |
-
Desvelado o camiño da Gimnástica no Campionato de España de Clubs de División de Honra e Primeira División
Por Redacción |
-
Sabela Castelo suma un novo título nacional no Campionato de España Sub-16
Por Redacción |
-
Sabela Martínez colga o ouro no Campionato de España Sub-18 en pista cuberta
Por Redacción |
-
Antía Chamosa, quinta no Nacional de marcha e mínima para o Europeo de Roma
Por Almu Dapena |