O Consello pide solucións a Milo pero non o destitúe
Por Diego Espiño
Milo Abelleira seguirá sendo polo momento adestrador do Pontevedra Club de Fútbol logo da reunión de urxencia convocada polo Consello de Administración da entidade.
Logo de hora e media de encontro na sede de Benito Corbal, os dirixentes granates apremaron ao preparador para que busque solucións á actual situación deportiva tras sumar 9 dos últimos 27 puntos en liga e caer con estrépito en Ordes.
Os cambios a realizar poderían referirse a modificacións nos hábitos de traballo do grupo, en forma de máis sesións de adestramento á semana, ou na planificación do plantel, aínda que este extremo antóllase complicado, do mesmo xeito que unha posible substitución no banco, a tenor das declaracións do vicepresidente da entidade, José Manuel Fernández, ao termo do Consello escudándose no argumento económico para non adoptar ningunha decisión traumática, "hasta el 26 de noviembre lo importante es lo económico. Hasta ese momento no podemos asumir ningún coste a mayores de los que ya tenemos".
Milo, pola súa banda, afirma esperar un recibimento hostil o próximo partido de liga en Pasarón ante As Pontes, pero apelou á calma e ao traballo para dar a volta á situación, "ya sé que la afición va a estar con el Milo vete ya desde el principio. El año pasado estuvimos en una situación similar el día del Villalbés, tuvimos paciencia y conseguimos salir adelante".
Á reunión do Consello non acudiu un dos seus integrantes, Evaristo Portela, representante do máximo accionista da entidade, que non foi convocado á mesma.