Un chispazo de Kevin Levis dá os tres puntos ao Pontevedra (0-1) en Cangas
Por Ramiro Espiño & Diego Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Non foi o mellor partido do Pontevedra lonxe de Pasarón. Nin sequera achegouse a bo. Pero, cando peor o estaban pasando, un chispazo nunha acción individual de Kevin Levis, pleno de forza, intensidade e calidade na finalización, deu a vitoria aos granates e tres puntos que lle permiten recortar distancias situándose a tiro do liderado, aproveitando o tropezo do Boiro.
Cun equipo de circunstancias. Con retoques en todas as liñas a consecuencia das lesións. Sufrindo o indecible ata o pitido final. Pero cunha defensa firme, que apenas deu opcións aos de Manolo Tomé, o Pontevedra soubo adaptarse ás circunstancias, deixando ao carón o brillo e poñéndose o mono de traballo ata lograr un triunfo moi valioso.
Os granates saíron ben situados e mandando no partido. Pero pouco lles durou o gas. Apenas 20 minutos, suficientes iso si para crear unha clara oportunidade de perigo, minuto 9, cando tras un saque de esquina o balón queda morto aos pés de Yago Vázquez. O improvisado lateral tarda en reaccionar e o seu remate é obstaculizado pola zaga rojiblanca. Pediu penalti, pero no campo non o pareceu.
Logo os de Cangas empezaron a sentirse cómodos e fixéronse co control do balón. O Pontevedra refuxiouse no seu defensa, na que Pablo e Miguel estiveron soberbios. O dominio local non se traducía en ocasións, pero a única que tiveron foi clarísima e puido cambiar o signo do partido. Era o minuto 29 cando un centro de Iago chega á cabeza de Joni, no único despiste de marcaxe da zaga visitante. O dianteiro cruza en exceso e o balón sae rozando o poste.
Manu Fernández acertou entón ao tomar unha decisión tan valente como pouco habitual, cando apenas superada a media hora de xogo ordena dous cambios simultáneos, retirando do campo a Benja e Javi Otero, tan desacertados como desconectados da loita polo balón, dando entrada a Moreira e Tomás. O técnico granate vira a sangría que tiña no campo, observando como crecía o Alondras, que cada vez estaba máis cerca do área de Edu.
E os cambios deron máis equilibrio ao equipo, que puido marcar antes do descanso. De feito fíxoo no minuto 43, pero o árbitro anulou o gol de Kevin Levis, estimando falta previa de Miguel, que ninguén máis que el observou.
Tralo descanso o Pontevedra sufriu. O Alondras vira as dúbidas granates na construción e gañou metros e confianza. Nano puido marcar, minuto 51, pero o seu disparo saíu moi centrado e Edu conseguiu desvialo.
Pasábano mal os granates, que apenas conseguían pasar con perigo a liña central. Pero o fútbol ás veces é caprichoso e cando máis sufría o Pontevedra chegou a única xogada que conseguiu ligar en todo o segundo tempo. Do resto encargouse Kevin Levis. O arxentino obtivo recompensa ao seu traballo incansable, recollendo un balón na frontal e habilitándose o espazo para marcharse de Javi e plantarse ante Lucas, ao que bateu con solvencia, colocando o balón xunto ao poste dereito.
Era o minuto 62. Quedaba media hora por diante. Todo un mundo. Pero o Pontevedra demostrou unha vez máis esta tempada que, co marcador a favor, é complicado facerlle dano. Creceu Kevin Presa, que terminou o partido lesionado. Fixérono máis aínda Pablo e Miguel. Apareceu Pablo Lede e asumiu protagonismo Tomás.
Os demais aportaron o seu e os minutos foron pasando cunha relativa angustia, máis polo incerto do resultado que por que houbese perigo real, xa que se pecharon todas as vías de acceso, non deixando espazos, a pesar do caserismo arbitral, empeñado en dar opcións a balón parado aos de Manolo Tomé, sempre ben defendidas pola zaga visitante.
Á contra o Pontevedra buscaba matar definitivamente o partido. Non o conseguiu. Tampouco sería xusto máis castigo para un Alondras digno, que pelexou pero que demostrou o moito que lle custa finalizar as xogadas, aínda que mereceu polo menos o empate.
ALONDRAS C.F. (0): Lucas (1); Casti (3), Javi (2), Casas (1), Chichi (1); Iago (2), Leiro (2); Mauro (2), Fernando (2), Nano (2); e Joni (2).
Sustituciones: Serxio (1) por Nano, minuto 74. Toni (s.c.) por Javi, minuto 80.
PONTEVEDRA C.F. (1): Edu (2); Yago Vázquez (2), Pablo (3), Miguel (3), David Feito (2); Javi Otero (0), Kevin Presa (2), Pablo Lede (2), Tubo (1); Benja (0) e Kevin Levis (3).
Sustituciones: Tomás (2) por Benja, minuto 38. Moreira (2) por Javi Otero, minuto 38. David García (2) por Kevin Presa, minuto 76.
Árbitro: José Manuel Cives Enjo (A Coruña), auxiliado nas bandas por Marcos Ordóñez Rodríguez e Pablo Miguel Patricio Branco. Amonestou a Mauro, polo Alondras, e a Yago Vázquez, Miguel, Pablo Lede e Kevin Levis, polo Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 62: Kevin Levis.
Incidencias: Campo de O Morrazo (Cangas). Uns 550 espectadores.
VESTIARIOS:
Manolo Tomé: "Foi un partido moi disputado, que eu creo que era de empate"
MANOLO TOMÿ: O técnico do Alondras lamentou o resultado final dun encontro "moi disputado, que eu creo que era de empate. Creo que só tivemos un erro, non pechamos ben esa xogada e apareceu o gol".
Tomé argumentou ademais que o seu equipo evidenciou falta de pegada ante un Pontevedra "moi ben organizado en defensa, a verdade moi agresivo, pelexando os once xogadores, un Pontevedra que te impide case case todas as ocasións".
MANU FERNÁNDEZ: Pola súa banda o preparador granate mostrouse moi crítico co seu equipo, do que dixo que comezou "moi fóra, moi desconectados, sen ser capaces de ter o balón, que é o que facía falta ante un equipo de moita calidade pero que defensivamente lle custa perseguir o balón".
Manu Fernández: "Saímos moi fóra, moi desconectados, sen ser capaces de ter o balón"
Esta situación motivou cambios no Pontevedra xa na primeira metade, unha decisión que xustificou Fernández: "Simplemente había que ver o partido para ver que non ía como tiña que ir e que en calquera momento nos ían meter un gol, necesitabamos un pouquiño máis de balón e de pausa e creo que metendo a Moreira e Tomás conseguiamos iso".
En canto ao gol, o adestrador lerezano cre que chegou na "a única vez que demos tres pases seguidos en campo contrario".