Os xogadores do Pontevedra plantan o adestramento pola falta de pagamento
Por Diego Espiño
O primeiro equipo do Pontevedra decidiu non adestrar este mércores a causa da falta de pagamentos que arrastran dende hai varios meses.
Tras descansar na xornada do martes, como vén sendo habitual na programación semanal, o equipo dirixido por Manu Fernández tiña que ter retomado a súa preparación nun dos dous campos da Xunqueira, pero nin xogadores nin corpo técnico se presentaron á sesión e nin sequera acudiron ao Estadio Municipal de Pasarón.
Ante esta situación, e tras intentar contactar cos dous primeiros capitáns do equipo, David Pérez explicou a PontevedraViva que a decisión de non adestrar se debe a "que hay gente tocada que hay que recuperar, y mañana hay partido y pasado de nuevo entrenamiento".
Segundo o centrocampista "el tema económico es algo preocupante y de lo que venimos hablando. Tendrán que buscarnos una rápida solución", explicando ademais que a decisión de non adestrar foi consultada con Manu Fernández e que o xoves si disputarán o partido de Copa Deputación.
O club adebeda entre tres e catro meses ao plantel
O Pontevedra adebeda actualmente entre tres e catro meses ao plantel, dependendo o caso de cada xogador e tendo xa en conta o mes de febreiro, comprometéndose o club a aboar gran parte do adebedado esta mesma semana.
De feito, segundo puido saber este medio, a entidade granate recibiu esta semana unha achega económica correspondente a subvencións, o que tería permitido desbloquear uns pagamentos que xa se terían iniciado e que se completarían durante a xornada do xoves.
De confirmarse estas transaccións, o plantel estaría disposto a recuperar o adestramento perdido exercitándose o próximo sábado, día no que habitualmente o corpo técnico outorga descanso.