José Manuel Fernández: "Teño o pleno e absoluto convencemento de que sacaremos a eliminatoria adiante"
Por Ramiro Espiño
Adestraba o Pontevedra na Xunqueira. Mentres os xogadores se exercitaban esperando o resultado do sorteo que emparellaría ao equipo granate co Portugalete, chegaba o presidente José Manuel Fernández.
Recibiu a noticia sen inmutarse. Cun sorriso que quería reflectir confianza, a mesma que intentou transmitir o equipo, co que charlou ao finalizar o adestramento. Ao seu lado, o conselleiro José Antonio Millán seguía atento as evolucións dos xogadores e comentaba co presidente. Atrás quedaba o revés sufrido en Dorneda. O polo menos esa sensación intentaban ambos os dous transmitir ao equipo.
Mentres as noticias chegaban dende a banda ao campo. José Manuel Fernández recibe a primeira chamada. Ao outro lado do teléfono estaba o director deportivo do Portugalete. Interesábase pola hora que o Pontevedra fixaría para o partido de ida.
Os vascos tiñan preferencias por xogar o sabado ás 18:00 horas, ou ben o domingo en horario matinal, para facilitar o desprazamento dos seus seguidores, que anuncian será importante en número. Falaba de máis de 500 afeccionados.
José Manuel Fernández non aceptou, razoando con lóxica que ese horario prexudicaba os intereses deportivos do Pontevedra, e especialmente os dos seus propios afeccionados, que son o activo máis importante do club. Ao final a hora quedaba para as 18.00 horas, pero do domingo, en Pasarón, e a volta ás 11:30 horas do domingo seguinte, en Portugalete, horario que pode facilitar o regreso aos afeccionados pontevedreses que acompañen ao equipo.
Finalizaba a conversación, José Manuel Fernández atendía amablemente a PontevedraViva e daba as súas primeiras impresións sobre o emparellamento desta primeira eliminatoria:
- A bóla caprichosa mándanos ao País Vasco, que lle parece?
- Está ben. ÿ o resultado dun sorteo e hai que aceptalo.
- Portugalete, representante dun estilo de fútbol forte, aínda que os seus números son moi similares aos do Pontevedra.
- Si, pero os números dependen do tipo de liga que teñan. Non son significativos. Eles son segundos, pero eu xa dixen que me daba igual porque confío plenamente no noso equipo e estou seguro de que imos chegar ata o final sen dúbida ningunha. ÿ ilusionante estar nesta fase de ascenso. Ademais, que veña o Portugalete aquí e que os nosos afeccionados poidan ir alá, porque aínda que é Biscaia, non é dos máis afastados que nos podería tocar. Sacando un bo resultado aquí o domingo teremos apoio fóra e teño o pleno e absoluto convencemento de que sacaremos a eliminatoria adiante.
- Esquecido o desgusto que supuxo perder o liderado?
- Non queda máis remedio. Mirar atrás é un absurdo. Hai dous anos celebramos ser cuartos porque viñamos de abaixo, pero agora parece que non se fixo nada, xa que estabamos de primeiro e era o que queriamos. Penso que este equipo ten unha consistencia importante para darnos moitas alegrías.
- E esquécensenos tamén os árbitros, especialmente dos de Vigo?
- Ben, os árbitros co Pontevedra portáronse moi mal neste final de tempada, e especialmente os do colexio de Vigo, non sei por que. Eu en Dorneda vin moi de preto a situación no minuto 42, que marcaba unha diferenza enorme. Un agarrón continuado cunha placaxe final, e é incrible que nun campo así coas distancias moi curtas, que todo o mundo o viu, non o vise tampouco o liña, que estaba enriba. Ás imaxes de televisión e fotografías remítome. Eu alégrome moito de estar nesta fase e que non me pite ningún árbitro do colexio galego, porque non nos axudaron en nada. Estou bastante enfadado con este tema. Pero prefiro pasar páxina neste instante, alegrarme de estar onde estamos e pelexar por ascender sen que ninguén de fóra interfira no resultado final dos partidos.
- Que lle dixo os xogadores, que estaban destruídos, para intentar recuperalos?
- Pois berreilles. Enfadeime con eles. Se que ían con toda a ilusión por gañar o partido e foron os primeiros afectados. Berreilles porque sei que foi moi difícil chegar aquí. Fomos a remolque toda a tempada. Puxémonos primeiros contra o Somozas con todo merecemento, pero unhas circunstancias nun campo complicado impedíronnos conseguir os tres puntos, pero eles intentárono ata o final. Por iso berreilles, para levantarlles o ánimo, porque non hai que baixar a cabeza senón pensar que empeza outra etapa nova, ilusionante e moi importante para eles e para toda Pontevedra. Que eles conseguiron ilusionar de novo á nosa afección. Hai un partido este domingo e debemos mirar cara a adiante.
- Seguimos sendo optimistas?
- Eu totalmente. Esta semana anterior tiña malas sensacións, mal corpo, pero nesta fase téñoo moi bo, ilusióname moito. Creo que imos dar grandes sorpresas e seguro que co apoio de todos daremos moitas alegrías, seguro.