Manu Fernández: "Temos unha nova ilusión, alcanzar o ascenso a través das tres eliminatorias"
Por Ramiro Espiño
Quédanlle unhas duras e longas xornadas de traballo. Ademais da preparación dos seus xogadores, a súa primeira tarefa foi intentar que deixasen atrás o sucedido en Dorneda. Que volvesen pensar en positivo e que afrontasen a primeira eliminatoria co mellor dos ánimos.
Manu Fernández ten, ademais, que estudar un rival do que pouco se coñece por agora. O Portugalete é todo un experto en promocións de ascenso, se ben o éxito non o acompañou na maioría delas.
Nun par de días terá visionado un montón de partidos do equipo vasco, pero o máis importante é que o ánimo seu, do resto do corpo técnico, e de todo o equipo volve estar alto. Saben que contan co respaldo dunha afección inigualable en Terceira División, que para si quixesen moitos equipos de superior categoría, e queren devolverlle o cariño que recibiron nas últimas xornadas.
O primeiro, como está o equipo, como está o corpo técnico, despois do revés que supuxo non poder conseguir a vitoria ante o Dorneda?
Ben, isto é como todo, o tempo vai curando as feridas e dende o mesmo luns, co pouco que durmimos, polo menos eu, toca pensar en positivo. Temos unha nova ilusión que é alcanzar o ascenso a través das tres eliminatorias e imos ir a por iso.
Pois a primeira desas eliminatoria xa ten nome. O Portugalete que sabes del?
Pouco, por agora. Antes do sorteo estiven a ver vídeos de varios equipos, entre eles este, pero polo momento pouco che podo dicir. Dos posibles rivais podemos dicir que é da zona media, polo menos polos seus números, nin dos máis doados nin dos máis difíciles, aínda que hai que valorar que foi segundo nun grupo, o do País Vasco, dos máis complicados e fortes sempre, polo que supoño que o nivel de esixencia será maior que noutros grupos.
Como é o seu estilo de xogo, é o típico equipo vasco, correúdo, de forza física e fútbol directo?
Pois a verdade non che sei dicir, porque repito que de momento só vin algúns goles, algunhas xogadas, e con tan pouco é complicado saber o estilo, pero imaxino que si, os equipos vascos case todos se rexen polo mesmo patrón. Nos próximos días veremos partidos completos para poder analizar o seu xogo con máis detalle e profundamente. O que si sabemos é que é un campo de herba natural e grande, que para nós é positivo.
E como están os teus xogadores en xeral, ilusionados con este novo reto?
Ben, cando nos vimos o luns por primeira vez despois de Dorneda un pouquiño amoucados polo que pasou, pero evidentemente deseguida iso cambiou pola ilusión de coñecer rival, preparar a eliminatoria, saber que teremos que competir contra un equipo importante, e en definitiva con toda a ilusión do mundo.
Plan de traballo para a semana, o mesmo que durante a liga?
Non. Descansamos o martes, logo adestraremos todos os días, mesmo o sábado, aínda que o venres posiblemente fagamos algo un pouco inusual, diferente, extrafutbolístico, a ver que podemos encontrar por aí.