Portas abertas para o adestramento do sábado en Pasarón
Por Diego Espiño
"La necesidad económica del club es grande. Para cumplir con empleados y jugadores necesitamos estos ingresos", declarou o presidente do Pontevedra Club de Futbol tras as críticas recibidas polo prezo das entradas do partido ante o Portugalete.
José Manuel Fernández defendeu a decisión recordando que os socios poderán entrar gratis, algo que non sucede no "80% de los equipos de Tercera" que pelexan polo ascenso, ao entender "ellos merecen todo el cariño y comprensión porque son el eje que mueve al club".
O dirixente trasladou ademais un chamamento á afección para que arroupe o equipo nun momento importante como o play-off, cunha mensaxe aos menos habituais, que "van a ver un partido de fase de ascenso por 8 euros", o que entende por un prezo razoable.
Ademais, o Consello de Administración anunciou que se procederá a vender rifas no Estadio Municipal de Pasarón durante o encontro dentro dun sorteo organizado no que o premio será poder vivir a fase de ascenso en primeira persoa.
Así o gañador terá dereito a viaxar, xunto a un acompañante, coa expedición granate ata Portugalete, aloxándose no mesmo hotel que os xogadores e con pensión completa, ademais de gañar un fin de semana no Hotel Campomar de Sanxenxo en réxime de aloxamento e almorzo.
Por último, coa intención de achegar ao equipo os seus seguidores nunha semana importante, o club lerezano decidiu programar unha xornada de adestramento de portas abertas o próximo sábado, dende as 10:30 horas da mañá, no Estadio Municipal de Pasarón.
Ata alí poderán achegarse os afeccionados que o desexen para dar ánimos ao primeiro equipo un día antes de arrancar oficialmente o play-off de ascenso a Segunda B.