O Teucro clasifícase para a final da Copa Deputación ao vencer ao Academia Octavio (34-30)
Por Ramiro Espiño
Non foi o mellor partido do ano. Nin sequera o máis entretido. O derbi entre Teucro e Academia Octavio, nas semifinais da Copa Deputación foi máis ben un pesado trámite a cumprir, no que os dous equipos actuaron sen presións nin esixencias, demostrando que a ambos os dous a tempada se lles fixo demasiado longa.
A vitoria final do conxunto azul foi froito da súa mellor actitude na recta final do partido, ante un desgañado e apático equipo vigués, que practicamente tirou pola borda o partido, despois de levar a iniciativa no marcador ata mediada a segunda parte, mesmo con diferenzas que alcanzaron os cinco goles, ao longo do primeiro período.
Falta de tensión defensiva e demasiadas baixas en ambos os dous conxuntos, levaron o partido a un intercambio de erros e escasa brillantez nas accións colectivas, sendo as individualidades de cada conxunto os que ían movendo un marcador que reflectía pola rapidez con que crecía esa frouxa defensa realizada.
O Teucro estivo especialmente desacertado nos compases iniciais do partido. Só César Armán parecía afrontar o choque coa actitude competitiva necesaria. Foi suficiente coa súa achega para ir enxugando a vantaxe dos de Quique Domínguez e chegar ao descanso co marcador nivelado.
A segunda parte comezou novamente con lixeira iniciativa visitante, pero a partir do minuto 45 os vigueses diluíronse, ausentándose do partido e permitindo ao Teucro dar a volta ao marcador, cun parcial de 6-0 en apenas sete minutos, para pasar do 23-26 a un 29-26 que encarrilaba a vitoria azul.
Os de Javier Barrios clasifícanse así para disputar a final ao Frigoríficos do Morrazo BM Cangas, o dómingo no Gatañal, poñendo peche aos actos de clausura das Escolas Deportivas da Federación Galega de Balonmano e a Deputación Provincial de Pontevedra, ademais da sétima edición do "Día do Balonmán na Rúa".
SD TEUCRO (34): Héctor Gil; Marcos Dorado (2), Carlos Pombo, David García Pichel (6, 3 de penalti), César Armán (6), Borja Pedreira (4), Miguel Sío (1) -sete inicial-, Dani Cadilla (p.s.), Alejandro Pombo (3), Miguel Porto (4), Tomás Moreira (7) e Aser Costal (1).
ACADEMIA OCTAVIO (30): Pablo Chantada; Daniel Bernárdez, Manuel Martínez (6), Javier Fernández (3), Fran González (2, 1 de penalti), Daniel Hernández (4), Eduardo Moledo (5) -sete inicial-, Pablo Galán (p.s.), Pablo Lorenzo (1), Rubén Figueirido (3), Germán Hermida (1), Víctor León (2), Gonzalo Carro (2), Marcos González e Alejandro Conde (1).
Árbitros: Ana Correa e Susana Abelenda (Galicia). Excluíron por dous minutos a Marcos Dorado (2) e Miguel Porto, polo Teucro, e a Manuel Martínez, Víctor León e Marcos González, polo conxunto vigués.
Marcador (cada cinco minutos): 2-3, 4-8, 6-10, 8-11, 13-13, 16-16 (descanso), 18-19, 20-22, 24-26, 28-26, 32-28 e 34-30 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Partido correspondente á semifinal da Copa Deputación. Pouco máis de 100 espectadores.