Unha sesión de golf para relaxarse antes do inicio do play-off
Por Diego Espiño
O primeiro plantel do Pontevedra Club de Fútbol cambiou este venres o balón polo pau de golf para protagonizar unha sesión atípica no Club de Golf Ría de Vigo.
Ata Domaio desprazouse o equipo granate na súa totalidade coa intención de soltar tensión e fortalecer o bo ambiente do grupo dous días antes de que comece a pelexa polo ascenso ante o Club Portugalete no Estadio Municipal de Pasarón.
Máis aló do bo xeito dalgúns futbolistas no seu achegamento ao golf, a tarde estivo presidida polas bromas entre compañeiros, en ocasións ante a dificultade de atinar pola falta de práctica neste deporte.
Os xogadores e membros do corpo técnico puideron lanzar unhas bólas e despois accederon ata un 'green' de prácticas, antes de pasar pola cafetería do club, onde concluíu a xornada.
Este sábado Manu Fernández volverá reunir aos seus cunha sesión de portas abertas para o público en Pasarón, desde as 10:30 horas, trala cal dará a coñecer a lista de convocados para o primeiro encontro do play-off.