Pasarón debe marcar o primeiro gol no camiño do ascenso
Por Ramiro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Primeiro asalto na loita por recuperar a categoría perdida da Segunda División B. O Pontevedra recibe a visita do Club Portugalete (domingo, 18:00 horas) e Pasarón prepárase para intentar marcar o primeiro gol que facilite o duro camiño que arranca con este partido de ida da primeira das tres eliminatorias que debe superar aquel que queira lograr o ascenso.
Os granates saben que os seus afeccionados son fundamentais en partidos de tanta importancia. Fórono o día do Somozas, cando máis de 5.500 espectadores deron ás aos de Manu Fernández. E deben selo de novo, oxalá que en maior número, nesta ocasión.
O partido será dirixido polo colexiado asturiano Álvaro Alonso Prendes, e o Pontevedra intentará obter un bo resultado que lle permita viaxar a próxima semana ao campo de La Florida con maiores posibilidades de pasar á seguinte eliminatoria.
A venda de entradas marchou a bastante bo ritmo durante a semana, a pesar de que os prezos fixados das localidades para o público en xeral (15, 12 e 8 euros) non tivesen a mellor das acollidas. Iso si, os abonados do Pontevedra terán libre acceso ao campo.
Ademais da venda anticipada durante a semana, e mesmo na mañá do sábado, nun posto instalado na Praza da Ferraría, para evitar aglomeracións de última hora os despachos do estadio abrirán dúas horas antes do comezo do partido.
En canto ao equipo, con todos os seus xogadores dispoñibles, Manu Fernández ultimou a preparación no mesmo escenario do partido na mañá do sábado. Foi un adestramento de portas abertas, que contou coa presenza dun reducido pero animoso grupo de afeccionados, que non deixaron de apoiar os xogadores e que recibiron o recoñecemento destes, cando ao termo da sesión se dirixiron ao fondo norte devolvendo aos seguidores os aplausos que lles dedicaran.
Apenas hai novidades na convocatoria de Manu Fernández con relación ao último partido ligueiro de Dorneda. O único cambio é o do xuvenil, Tomás, que queda fóra, deixando o seu posto a Moreira, posiblemente buscando apoiarse na súa maior experiencia para este tipo de compromisos.
Deste modo a lista de 16 convocados intégrana: Edu, Paco, Adrián, David Feito, Pablo, Miguel, Yago Vázquez, Pablo Crespo, Pablo Lede, Fran Fandiño, Tubo, Moreira, David Pérez, Kevin Levis, Benja e Pablo Carnero, quedando fose Caco, David García, Kevin Presa, Tomás, Javi Otero e Luismi.
PORTUGALETE ADESTRA EN MONTE PORREIRO
O club Portugalete, que realizou a viaxe por estrada, saíu da localidade vasca a primeira hora da mañá do sábado, para adestrar no campo de herba sintética de Monte Porreiro, ás 18:30 horas. A continuación dirixíronse ao seu hotel en Pontevedra para esperar a hora do partido
Os seus seguidores en cambio, aloxaranse en Vigo. Serán ao redor de 100 os afeccionados do equipo biscaíño os que estarán presentes en Pasarón, entre os que viaxan nun autobús e aqueles que se desprazan polos seus propios medios, segundo estimacións do propio club.