O Pontevedra agárrase aos seus números como visitante para crer na clasificación
Por Diego Espiño
O bo rendemento como visitante do Pontevedra Club de Fútbol durante a liga regular alimenta o optimismo no conxunto granate ante a volta da primeira eliminatoria polo ascenso en Portugalete (domingo 11:30 horas).
Nove dos resultados obtidos lonxe de Pasarón polos de Manu Fernández na presente tempada valeríanlles para pasar de rolda, mentres noutros dous casos, con senllos empate a un, forzaríase a prórroga.
En sete ocasións os pontevedreses impuxéronse cun tenteo de 0-1, mentres en Ordes o resultado foi de 0-2 e nas Pontes de 1-4.
En conxunto, en toda a liga, os granates gañaron a domicilio nove veces, empatado cinco e perdido outras cinco.
No bando contrario, o Portugalete gañou 11 partidos como local, con catro empates e outras tantas derrotas, pero os vascos evidenciaron dúas caras ben diferenciadas.
O Portugalete perdeu tres dos seis últimos partidos xogados no seu estadio
Por un lado os de Carlos Docando mostráronse moi seguros na primeiro parte da competición, pero remataron a liga encaixando tres derrotas e un empate nos seus seis últimos choques en La Florida.
O empate (0-0) non valería aos granates pero o resto de resultados (2-3, 0-3 e 0-2), cunha cifra importante de goles encaixados, deixa aberta a porta á esperanza nun partido que será a vida ou morte entre ambos os dous equipos.
Tras descansar este martes, o primeiro plantel do Pontevedra volverá ao traballo na tarde do mércores, esperando recuperar os futbolistas que evidenciaron problemas físicos na primeira sesión da semana.