O Teucro afronta a planificación da próxima tempada
Por Diego Espiño
Unha vez finalizada a liga, a principal batalla da Sociedad Deportiva Teucro trasladouse aos despachos, onde se intenta salvar a complicada situación económica do club.
A directiva presidida por Carlos García-Alén traballa para afrontar nos próximos días pagamentos pendentes a Facenda e Seguridade Social e, sobre todo, a cantidade que debe aboar o próximo mes de xullo correspondente á débeda privilexiada e que en caso de non cumprir supoñería a liquidación da entidade.
García-Alén móstrase convencido de poder afrontar este compromiso, polo que tampouco descoidará a planificación da próxima tempada.
A próxima semana falarase con técnico e xogadores sobre o seu futuro
O primeiro equipo seguirá adestrando ata final de mes, e esa é a data posta como límite para falar co técnico, Javier Barrios, e todos os xogadores co obxectivo coñecer as súas intencións de cara ao próximo curso.
O primeiro será charlar con Barrios e saber se está disposto a continuar á fronte da nave azul. O preparador ten contrato en vigor, ao igual que oito xogadores: César Armán, Álex Pombo, Carlos Pombo, Marcos Dorado, Víctor Rodríguez, García Pichel, Iván Fernández e Dani Cadilla.
No bando contrario, entre os que rematan contrato encóntranse a maioría de pesos pesados do vestiario: Juan Bar, Carlos García, David Chapela, Miguel Porto, Tomás Moreira, Borja Pedreira e Miguel Sío.
A intención con todos eles é negociar a súa renovación, aínda que nalgúns casos a continuidade podería ser complicada.
Caso aparte son os dous xogadores en idade xuvenil que veñen participando no primeiro equipo. Son Héctor Gil e Aser Costal, con quen se conta para ir asumindo pouco a pouco máis protagonismo dentro do grupo.