Discrepancias entre Pontevedra e At. Granadilla impiden fixar o horario do partido de ida
Por Diego Espiño
A Federación Española de Fútbol decidirá este mércores o horario definitivo para o partido de ida da semifinal polo ascenso entre Pontevedra e Granadilla, despois de que ambos os dous clubs non chegasen a un acordo ao respecto.
A coincidencia co Mundial de Dúatlon, que manterá cortados os accesos ao Estadio Municipal de Pasarón ata aproximadamente as 18:00 horas do domingo, motivaron unha reunión de urxencia entre o presidente granate, José Manuel Fernández, e o Intendente da Policía Local, Daniel Macenlle, responsable do dispositivo especial de seguridade e circulación habilitado durante o fin de semana.
A Policía Local insta a xogar o domingo as 20:00 horas. O Granadilla quere que sexa ás 12:00
Nese reunión chegouse á conclusión de que a única opción viable era atrasar o encontro ata as 20:00 horas do domingo, unha vez finalizada a competición de dúatlon, ante os inconvenientes de acceso e seguridade que podería provocar disputar o partido noutro horario.
O problema chega porque o Atlético Granadilla non acepta este horario e móstrase partidario de adiantar a cita ás 12:00 horas para poder regresar no mesmo día ás Illas Canarias, acolléndose ao dereito que outorga a Federación Española.
O conxunto canario enrócase na súa postura argumentando que se se xoga no horario proposto polo Pontevedra algúns dos seus xogadores terán imposible viaxar ao non se poder ausentar dos seus respectivos traballos o luns.
José Manuel Fernández: "No es un capricho del Pontevedra, sino un problema de seguridad ciudadana"
A falta de acordo provocou a mediación da propia Federación, á que o club lerezano se dirixiu para aclarar que "no es un capricho del Pontevedra, sino un problema de seguridad ciudadana", segundo recoñece José Manuel Fernández.
De xogar o domingo a unha hora que non sexa ás 20:00 da tarde non se permitirá o acceso de ningún vehículo ás inmediacións do estadio, "ni siquiera del trío arbitral o el autobús del rival" afirma Fernández, ademais de quedar inhabilitada a principal bolsa de aparcadoiro dos afeccionados granates.
O PONTEVEDRA DÁ A COÿECER O PREZO DAS ENTRADAS
Á marxe desta situación o Pontevedra Club de Fútbol deu a coñecer o prezo das entradas para este partido, no que os socios deberán pagar un pequeno suplemento.
Os socios deberán pagar 5, 3 e 2 euros segundo a bancada
Desta forma o prezo dos billetes será de 12 (Tribuna), 10 (Preferencia) e 6 euros (fondos) para o público xeral mentres os abonados pasarán pola billeteira a razón de 5, 3 e 2 euros respectivamente.
Ademais os menores de 7 anos entrarán en Pasarón de balde, mentres os menores entre 7 e 13 anos tampouco pagarán pero deberán retirar unha invitación.
Tanto as entradas coma as invitacións para os menores de idade poderán retirarse dende o xoves nas oficinas do club, no propio Estadio Municipal de Pasarón, en horario de 9:00 a 14:00 e 16:00 a 19:00 o propio xoves, de 9:00 a 14:00 e 18:00 a 21:00 horas o venres e de 11:00 a 14:00 horas o sábado.
Por outro lado as billeteiras do campo permanecerán abertas o domingo, día do partido, de 11:00 a 14:00 e dende as 17:00 horas sempre que este se dispute ás 20:00 da tarde.