Pedro Crespo: "Estamos con moitas ganas, con confianza"
Por Diego Espiño
Recalou en Pasarón no mercado invernal procedente do Coruxo, e a pesar de que lle custou entrar nos plans de Manu Fernández, Pedro Crespo converteuse nun dos habituais do once granate na fase decisiva de competición.
Agora, nunha semana clave para as aspiracións lerezanas co encontro de ida ante o Atlético Granadilla, o centrocampista analiza o estado do equipo.
Pasaches momentos difíciles, pero ao final lograches gozar de minutos, chegas nun bo momento?
Cando vin custoume, levaba moito tempo parado, pero fun entrando pouco a pouco e agora aínda que non estou aínda ao 100% encóntrome bastante ben, espero rematar a tope.
Ao equipo véselle adestrar estas semanas con moita intensidade, como ves o grupo?
Estamos con moitas ganas, con confianza, e claro todo o mundo quere xogar e poñerllo díficil ao míster.
Pedro Crespo: "Sabemos que fora de casa pódelles custar un pouco. Temos que intentar sacar un bo resultado"
Aínda que o cambio de adestrador pode cambiar as cousas, analizastes xa o Atlético Granadilla?
Si, o míster xa nos puxo uns papeis coas cualidades de cada xogador, e sabemos que fora de casa pódelles custar un pouco. Temos que intentar sacar un bo resultado para ir alí cun pouco de tranquilidade.
Será importante non encaixar un tanto no partido de ida, non cres?
Falámolo tamén na anterior eliminatoria, era primordial non encaixar pero se o fan temos que seguir facendo o noso partido, porque tampouco temos medo a xogar fora de casa, eu creo que mesmo se nos dá un pouco mellor, así que iso non nos preocupa.
En Canarias espera calor, céspede artificial e pode que horario matinal, afectará?
Supoño que coa calor, as dimensións do terreo de xogo e o céspede artificial nos pode custar, pero temos que esquecernos para sacar algo positivo.
Ademais nesta ocasión serán menos os afeccionados granates presentes a domicilio, notades o seu apoio?
Si, claro que nos vai influír pero espero que na casa veña moita xente e o que temos que facer é pasar alí, esquecernos se vai ou non xente e darlles unha alegría.