Pasarón debe ser unha caldeira para encarrilar a eliminatoria ante o Atlético Granadilla
Por Ramiro Espiño
Equipo e afección unidos teñen unha nova final. O obxectivo do Pontevedra é converter Pasarón nun fortín para afrontar o partido de ida da segunda eliminatoria da fase de ascenso a Segunda B (domingo, 20:00 horas) fronte ao Atlético Granadilla, e intentar obter un resultado que permita afrontar a volta en terras canarias coas máximas posibilidades de acceder á última e definitiva rolda.
Espérase un ambiente de gala. A retirada de localidades e suplementos foi intensa dende o mesmo momento en que saíron á venda. A xornada invita a gozar do deporte, acudindo ao estadio unha vez finalizadas as probas do Mundial de Duatlon, para a continuación, se o resultado acompaña, seguir a festa no recinto feiral coa actuación da orquestra Panorama.
Os canarios, campións do seu grupo, non o poñerán doado. Malia as manifestacións que falaban de que en caso de xogarse no horario finalmente fixado viaxarían cun equipo enchido de xuvenís, finalmente terán unicamente unha baixa nas súas filas. Ademais, resta por saber o efecto que pode ter no seu rendemento o cesamento inesperado, mediada a semana, do seu adestrador Toni Ayala.
Mentres, os granates prepararon o partido como o que de verdade é, toda unha final. A imposibilidade de acceso a Pasarón ou A Xunqueira durante toda a xornada do sábado fixo que o último ensaio semanal tivese que ser trasladado a Cambados. O campo de Burgans acolleu ese adestramento, por espazo de algo máis dunha hora, no que non se produciron novidades significativas.
Manu Fernández ten á práctica totalidade do equipo en condicións de xogar. Tan só Caco e Luismi están descartados, pero recupera a Pablo Lede, que non puido xogar en Portugalete polas súas molestias de costas.
En contra do que adoita ser habitual, o técnico pontevedrés non facilitou a lista de convocados á finalización do adestramento. O motivo non é outro que, tendo en conta que a hora de comezo é máis tarde do habitual, todo o equipo se reunirá a mediodía do domingo nun hotel da zona da Lanzada para xantar xuntos, descansar e recibir as últimas instrucións, coa preparación do partido, desprazándose a Pasarón un par de horas antes da fixada para o comezo.
O trío arbitral designado para dirixir o partido será do colexio castelán-leonés, con César Domínguez Zapatero, como árbitro, tendo a Fabio López Sánchez e Alejandro González Campano, como asistentes.
O ATLÿTICO GRANADILLA PASA FACTURA
O Atlético Granadilla quere xogar o partido de volta o sábado ás 16:00 horas
Que ao equipo canario non lle sentou nada ben a hora fixada para o partido de Pasarón (20:00) é algo notorio, e a súa resposta fíxose esperar, pero chegou a última hora da tarde do venres, cando vía fax notificaba ao Pontevedra a súa intención de programar o partido de volta en campo tinerfeño para o sábado, ás 16:00 horas, un horario certamente inusual, e mesmo inadecuado para un partido destas caracacterísticas e transcendencia, non só polo día, senón especialmente polo temperán da hora, tendo en conta a época do ano en que estamos e a previsible calor que pode facer a esa hora.
Os dirixentes do Atlético Granadilla non aceptaron de bo grao as explicacións máis que xustificadas da coincidencia co Mundial de Duatlon e os problemas de seguridade que imposibilitaban o acceso a Pasarón ata a finalización das probas, aducindo pola súa banda que o domingo próximo no mesmo campo Francisco Suárez se celebra un partido matinal, de categoría feminina, e que pola tarde os accesos ao campo estarían limitados por unha suposta romaxe popular.
Ante este situación, que ademais impide ao Pontevedra a organización do desprazamento con antelación abondo, e mesmo aos seus afeccionados a posibilidade de efectuar as oportunas reservas de voos para aqueles que quixesen desprazarse acompañando ao equipo, o club granate remitiuse á Federación Española, esperando que sexa esta quen fixe a data e hora definitiva do partido en Granadilla, o que se confía suceda non máis tarde do luns, salvo que entre ambos os dous clubs se chegue a un acordo ao longo do fin de semana, circunstancia pouco probable, á vista das relacións pouco fluídas entre ambos os dous dende o mesmo momento en que se coñeceu o emparellamento.