A volta ante o Atlético Granadilla, o domingo ás 20:00 horas
Por Diego Espiño
Despois de varios días de incerteza a Real Federación Española de Fútbol fixou definitivamente o horario do partido de volta entre Atlético Granadilla e Pontevedra para o domingo, 8 de xuño, ás 20:00 horas da tarde, horario peninsular.
Remata así unha telenovela que se iniciou co horario do partido de ida e que continuou ao pretender o equipo canario xogar o sábado ás 16:00 horas.
O Atlético Granadilla alegaba a celebración o domingo dun choque de fútbol feminino, polo ascenso á Superliga, e unha romaxe que complicaba os accesos ao Estadio Francisco Suárez.
O problema residía en que os voos reservados pola propia Federación para a viaxe da expedición granate consideraban a chegada dos lerezanos apenas unhas horas antes do partido se este se disputaba o sábado.
A intención inicial da Federación era poder disputar o choque de volta da semifinal polo ascenso na mañá do domingo, pero finalmente decantáronse polas 20:00 horas, polo que os granates terán que quedar en Tenerife ata o luns.
Agora os de Manu Fernández, unha vez coñecida a decisión, centraranse en defender a renda de tres goles a cero conseguida no partido de ida para seguir aspirando a subir de categoría.