Diferenzas entre Puertollano e Televisión Castilla La Mancha dificultan a retransmisión do partido de volta
Por Diego Espiño
O partido de volta da final polo ascenso entre Puertollano e Pontevedra, fixado para o próximo domingo 22 de xuño en horario aínda por confirmar, podería non ser televisado, a pesar do acordo que chegaron a anunciar Televisión de Galicia e Televisión Castilla La Mancha (RTVCM).
Discrepancias entre o club manchego e RTVCM dificultan o trato, que estaba supeditado a que o encontro de ida se xogase ás 20:45 horas, algo ao que o Pontevedra non accedeu, xa que ambos os dous clubs entendían máis beneficioso xogar a unha hora máis temperá para facilitar a asistencia dos seus afeccionados.
Segundo o Puertollano, un evento taurino que ten previsto ofrecer en directo a canle manchega estaba detrás da intención de atrasar o inicio do choque.
O rival do Pontevedra accedera a permitir a retransmisión a pesar de que a Televisión de Castilla La Mancha non lle ofrecía compensación económica ningunha. Sen embargo nunha chamada o presidente granate, José Manuel Fernández, explicoulle ao dirixente manchego que a RTVCM lle ofrecía aos granates 2.000 euros para manter o horario da ida ás 20:45, todo iso segundo a versión feita pública polo Puertollano.
As desavinzas remataron coa ruptura das negociacións entre as televisións públicas, polo que a TVG solicitou permiso para desprazarse ata Ciudad Real e ofrecer así o choque só para Galicia, pero a falta dunha oferta económica por conseguir os dereitos impediu chegar a un punto de encontro.
O Puertollano agradece publicamente o xesto do club lerezano negándose ao horario proposto e renunciando a unha compensación "demostrando rectitud, señorío y elegancia", sinala a entidade manchega nun comunicado.
O partido que si contará coas cámaras de televisión en directo, neste caso só para Galicia, será o de ida deste domingo ás 20:00 horas.
DESPRAZAMENTO DE AFECCIONADOS DO PUERTOLLANO
O Club Deportivo Puertollano non estará só no Estadio Municipal de Pasarón. As peñas Fondo Marcador e Ilusión Azul preparan estes días o desprazamento de afeccionados á cidade de Lérez nunha viaxe organizada con dúas opcións.
Nunha delas a viaxe formúlase de ida e volta o mesmo domingo, mentres na outra a expedición manchega sairá a noite do venres dende Puertollano para aloxarse a xornada do sábado na Illa da Toxa e acudir a Pontevedra na mañá do domingo, regresando á casa á conclusión do choque.