Dobre podio de Lucía Vázquez para consolidarse na terceira praza do Open de España
Por Redacción
Lucía Vázquez consolídase na terceira praza da clasificación xeral do Open de España de Cross Country despois de sumar un dobre podio nos Internacionales Montaña Palentina celebrados o pasado fin de semana en Aguilar del Campo.
A ciclista de Vilaboa finalizou segunda na contrarreloxo disputada ao sábado, mentres na xornada do domingo concluíu no terceiro lugar tras a catalá Anna Villar e a estoniana Maaris Meier.
O rendemento da pontevedresa invita ao optimismo de cara a un dos grandes obxectivos da tempada, o Campionato de España que se celebrará a mediados de xullo en Huesca.
Así o recoñeceu a propia deportista, asegurando que "por primera vez me encontré bien en el Open de esta temporada. Comprobé que la preparación para el Campeonato de España va por el buen camino y eso me da tranquilidad".
Antes Lucía Vázquez participará o próximo fin de semana nunha carreira da Taça de Portugal, en Sintra, e os días 28 e 29 de xuño na última proba do Open de España na localidade madrileña de Becerril de la Sierra.