Lucía Vázquez non logra revalidar o seu título e finaliza terceira no Open de España de cross country
Por Redacción
Lucía Vázquez non puido revalidar esta tempada o título do Open de España de cross country olímpico logrado hai un ano, pero volveu demostrar a súa regularidade ocupando a terceira praza na xeral final. Na quinta e última proba puntuable, celebrada na localidade madrileña de Becerril de la Sierra, a corredora do Vicma Bike Team subiu ao podio na xornada do sábado tras conseguir o terceiro mellor tempo nunha esixente contra o reloxo.
A biker de Vilaboa quedou a 20 segundos da gañadora, a andaluza Rocío Martín (Semar CC), e a quince da catalá Anna Villar (Tomas Belles-Cannondale), nun circuíto duro e técnico de 1,8 quilómetros. Ao día seguinte, a pontevedresa cruzou a liña de meta en quinta posición na carreira rallye, na que de novo se impuxo Rocío Martín.
"Sabía que iba a ser una competición muy dura. Iba un poco ahogada y me faltó cierta chispa", comentou Vázquez.
Desta forma, a representante do Vicma puxo punto e final a esta edición do Open de España na terceiro posto da xeral por detrás da vencedora Anna Villar e de Sandra Santanyes (Bicilocura Primaflor Espabrok). Un resultado que lle deixa certo sabor agridoce porque "las cosas no me salieron de cara desde la primera jornada en Valladolid".
A partir de agora, a vilaboense centrarase en chegar no mellor estado de forma posible a un dos seus grandes obxectivos desta tempada como é o Campionato de España que se disputará dentro de tres semanas no circuíto de Panticosa (Huesca).
Relacionadas:
-
Lucía Vázquez, prata no Campionato de España de mountain bike disputado en Panticosa (Huesca)
Por Redacción |
-
Lucía Vázquez revalida o seu título de campioa galega de mountain bike; Irene Trabazo gaña en cadetes
Por Redacción |
-
Dobre podio de Lucía Vázquez para consolidarse na terceira praza do Open de España
Por Redacción |
-
Lucía Vázquez busca en Palencia afianzarse no podio do Open de España
Por Redacción |