O Pontevedra non se dá por vencido e xa pensa na remontada
Por Diego Espiño
"Erguerémonos e traballaremos para intentar gañar por dous goles de diferenza, ese é o noso obxectivo". Son declaracións do adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Manu Fernández, nada máis finalizar o choque do pasado domingo en Pasarón, no que os granates caeron por cero goles a dous.
Dende ese mesmo instante o plantel pensa na posibilidade dunha remontada complicada pero que non consideran imposible, máis se cabe tras o bo rendemento como visitante ofrecido polo equipo ao longo da tempada.
O partido en Puertollano xogarase o domingo 22 ás 19:00 horas
Esa mensaxe estaba presente na primeira sesión da semana, na tarde do luns. Agora, tras o descanso deste martes, os xogadores e o corpo técnico céntranse en esgotar todas as súas posibilidades, que pasan por gañar no Ciudad de Puertollano por dous goles de diferenza.
Para iso Manu Fernández agárrase aos primeiros 20 minutos de xogo en Pasarón, nos que os granates dominaron o seu rival. Ademais o adestrador pontevedrés espera poder dispoñer de todo o plantel, a expensas da evolución de Caco e Luismi, que estiveron á marxe do grupo as últimas semanas.
VIAXE ORGANIZADA PARA OS AFECCIONADOS GRANATES
Por se a recompensa dun ascenso a Segunda B fose pouca motivación no encontro de volta, fixado para as 19:00 horas do domingo, o conxunto granate non estará só, e é que o club decidiu organizar unha viaxe para os seguidores que queiran apoiar o equipo no último e definitivo partido da tempada.
O prezo para a viaxe en autobús é de 40 euros (30 de autobús máis 10 euros da entrada para a bancada de Preferencia do estadio manchego), se ben nas oficinas tamén se poderán adquirir entradas para todos aqueles afeccionados que queiran desprazarse pola súa conta a Puertollano.
No caso do autobús, a expedición partirá ás 0:00 horas do mesmo domingo 22 dende o Pavillón Municipal dos Deportes para regresar unha vez conclúa o choque.
As inscricións para a viaxe organizada poderán formalizarse nas oficinas de Pasarón dende este mesmo martes en horario de 9:00 a 14:00 e 16:00 a 19:00 horas salvo o venres, día no que só se habilitará o horario de mañá.