Primeira vitoria de Támara Echegoyen e Berta Betanzos en 49er FX, na Semana de Kiel (Alemaña)
Por Redacción
Tras meses de intenso traballo, o esforzo de Támara Echegoyen e Berta Betanzos empeza a dar os seus froitos. Lograron a súa primeira vitoria nunha regata dende que deron o salto á clase 49er FX. Foi na prestixiosa Semana de Kiel (Alemaña), unha proba na que as deportistas españolas demostraron o bo momento de forma no que se encontran e unha cada vez mellor compenetración sobre a embarcación.
Támara Echegoyen e Berta Betanzos chegaban á xornada final situados na terceira posición da clasificación provisional. Non se lles dera nada mal o campo de regatas xermano. Durante os cinco días que durou a competición foron de menos a máis, ata que selaron unha impecable xornada na que finalmente conseguiron a vitoria definitiva da cuarta proba da EUROSAF Champions Sailing Cup.
Un terceiro, un segundo e un sétimo posto nas tres probas disputadas este mércores foron máis que suficientes para que Támara e Berta conseguisen o triunfo nesta Semana de Kiel, relegando á segunda posición ás que ata hoxe foran líderes provisionais dende a primeira xornada de regata, as danesas Jena Mai Hansen e Katia Salskov-Iversen. Por detrás, o terceiro metal foi parar ás mans das alemás Victoria Jurczkov e Anika Lorenz.
Con estes resultados, o tándem galego-cántabro deixou patente o seu gran potencial a bordo do skiff feminino, disputando cada proba coma se se tratase dunha final e dando o mellor de si dende a primeira xornada de competición. Aínda teñen moito camiño por percorrer e seguirán adestrando ao cen por cen para continuar obtendo éxitos, pero sen lugar a dúbidas, esta vitoria supón un importante empuxón de motivación de cara ás súas citas máis próximas.
"Moitas grazas a todos polo apoio recibido e polos ánimos que día a día nos fan máis fortes", agradecían as flamantes campioas da Semana de Kiel.