Támara Echegoyen e Berta Betanzos, a polo Europeo de 49er FX en Helsinki
Por Redacción
Tras o seu recente triunfo na Semana de Kiel, o tándem formado pola pontevedresa Támara Echegoyen e a cántabra Berta Betanzos tratará de posicionarse entre as mellores tripulacións do continente. Buscarán medalla no Europeo da clase 49er FX que se disputará dende este martes na localidade finlandesa de Helsinki, onde se botarán á auga co obxectivo de asinar un bo papel.
Cun total de 51 tripulacións en liza, o Comité de Regatas tratará de completar un máximo de 16 mangas durante as cinco primeiras xornadas de competición e tres Medal Races na xornada final, polo que non hai dúbida de que o título europeo estará máis que disputado en augas finlandesas.
Co recente ouro logrado en Alemaña, o primeiro dende que deron o salto xuntas ao skiff feminino, Echegoyen e Betanzos chegan a esta cita europea con forzas renovadas e co firme obxectivo de estar o máis arriba posible dende a primeira xornada de competición.
"Temos moitas ganas de volver á acción. ÿ nosa última competición antes do Mundial de Santander 2014 e é a mellor oportunidade que temos para chequearnos coa frota internacional e recoller toda a información necesaria para culminar a preparación de cara ao Mundial", explica a pontevedresa. "Cada manga é decisiva para o campionato, así que o noso obxectivo é dar a mellor de nós en cada tramo, en cada regata e cada día ata o final do campionato. Queremos estar entre as mellores do Europeo".
Sexa como sexa, estar arriba non será nada doado e é que na liña de saída estarán presenten as mellores tripulacións do panorama mundial. As brasileiras Martine Soffiatti Grael e Kahena Kunze, as danesas Ida Marie Baad Nielsen e Marie Thusgaard ou as francesas Sarah Steyaert e Julie Bossard son algunhas das tripulacións ás que terán que enfrontarse as regatistas Movistar en Helsinki.
As probas comezarán a partir das 11:00 horas nun campo de regatas no que a patroa galega xa se proclamou campioa de Europa da ISAF en 2011 mentres preparaba a súa participación nos JJ.OO. de Londres 2012 en Match Race Femenino.
"En Match Race sempre navegabamos pegadas ao porto e nesta ocasión non creo que naveguemos neste área, pero estou convencida de que ter navegado aquí nos axudará á hora de competir", afirmou Echegoyen.