Alberto Campillo e Adrián Mouriño fichan polo Pontevedra; Pablo González renova e David García é baixa
Por Alejandro Espiño
Xornada atafegada nas oficinas de Pasarón. O Pontevedra anunciou este venres a fichaxe de dous xogadores que se incorporarán ás filas do club granate. Trátase do defensa Alberto Campillo e do centrocampista Adrián Mouriño. Ambos os dous asinaron un contrato que os unirá á entidade durante as dúas próximas tempadas.
Alberto Campillo é natural de Vigo, ten 26 anos e procede do Club Deportivo Ourense, equipo no que militou as tres últimas tempadas. Formado na canteira do Real Club Celta de Vigo a súa posición habitual no campo é a de lateral dereito, aínda que en ocasións xogou tamén de central.
Pola súa banda, Adrián Mouriño, que ao igual que Campillo iniciou a súa carreira deportiva na canteira celeste, é do Porriño e ten tamén 26 anos. Chega da U.E Sant Andreu, equipo catalán que militou esta tempada no grupo III da Segunda B. Ademais do Celta, a traxectoria deste futbolista, que actúa principalmente como interior dereito, inclúe equipos como Coruxo, Montañeros, Ourense ou Recreativo de Huelva.
PABLO RENOVA, DAVID GARCÍA VAISE
Ademais, o club confirmou a renovación de Pablo González. O novo contrato do central ligaralle ao Pontevedra durante as dúas próximas tempadas. Será o terceiro ano que o defensa vista a elástica granate. Anteriormente xogara no Villalonga.
Por último, David García, ao que o Pontevedra lle ofrecera a renovación, non aceptou a oferta da directiva granate. O centrocampista, que chegou o pasado verán procedente do Bergantiños, desvincúlase así da entidade. Nun comunicado, o Pontevedra CF agradécelle o seu compromiso co equipo e deséxalle moita sorte no seu futuro deportivo.
Relacionadas:
-
Os dianteiros Benja e Luismi aceptan a oferta de renovación do Pontevedra e continuarán no club
Por Redacción |
-
Alberto Campillo e Adrián Mouriño, dous xogadores cun obxectivo claro: ascender a Segunda B
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Adrián Gómez e Kevin Presa continuarán no Pontevedra un e dous anos máis, respectivamente
Por Redacción |
-
Sergio Lloves, primeira fichaxe do Pontevedra 2014-2015; David Feito, renova o seu contrato co club
Por Redacción |