Boas sensacións no primeiro test de pretempada do Leis ante o Azkar Lugo
Por Redacción
Na posta de longo ante a súa afección o Leis Pontevedra enfrontouse no primeiro partido de pretempada ao Azkar Lugo, un rival de entidade que afronta o tramo final de preparación e que outro ano máis estará presente en Primeira División.
O partido comezou cos dous equipos medindo forzas, pero os visitantes pronto foron conseguindo o manexo creando varias ocasións nas que o gardameta Rubén se tivo que esforzar.
Pola súa banda o Leis Pontevedra intentaba sorprender nalgunha xogada a balón parado. Foron uns primeiros minutos onde a rodaxe e o traballo físico do Azkar acabou sendo decisivo.
A pesar de que o Leis intentaba trenzar algunha xogada, os goles dos lucenses non tardarían en chegar. A partir do segundo gol visitante o Leis reacciona e consegue encadear bos ataques nos que rompe a liña de presión do Azkar Lugo, primeiro nun perigoso pase de Carlos a Raúl e despois nunha xogada na que Gabi se planta só ante ÿscar Iglesias que consegue deter o disparo.
Na segunda parte mantense a inercia do final do primeiro período co Leis chegando á portaría do Azkar e defendendo os ataques do equipo transportista en media pista. Non obstante sería Azkar Lugo o encargado de mover de novo o marcador cun gol de Javi Río.
A medida que avanzaba o partido a fatiga facíase notar e o Azkar Lugo encontrábase cunha marcha máis debido ao seu avanzado estado de preparación. Costoya sería o encargado de anotar o 0-4, acurtando distancias os locais nun saque de esquina executado por Pablo Durán que remata nos pés de Sergio Martínez que non perdoa.
Os últimos cinco minutos de partido serían empregados polos técnicos para facer un ensaio con porteiro-xogador e Antonio Diz faría o definitivo 1-5.
LEIS PONTEVEDRA FS (1): Rubén, Gabi, Carlos, Daniel, Gus, Martín, Sergio Martínez, Sergio García, Pablo Durán, Raúl Jiménez, Barcala, Juan, Pocho e Álex.
AZKAR LUGO (5): ÿscar, Mimi, Cospe, Iago, Antonio Diz, Álex Diz, Javi, Illi, Manu, José López, Adrián, Porto e Costoya.
Goles: (0-1) Minuto 6: Iago. (0-2) Minuto 8: Manu. (0-3) Minuto 25: Javi. (0-4) Minuto 30: Costoya. (1-4) Minuto 35: Sergio Martínez. (1-5) Minuto 38: Antonio Diz.
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). O Leis fixo entrega dunha placa conmemorativa a Miguel López que a próxima tempada non formará parte do equipo ao encontrarse no estranxeiro por motivo de estudos.