Exhibición para a "décima" do Teucro (30-21) que esnaquiza o Go Fit abrindo oco como líder
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Que este Teucro está sobrado de recursos a estas alturas da liga xa non sorprende a ninguén. Iso permítelle que cando a portaría rende menos do que acostuma, a sua defensa se transforma nun muro para o rival. Pero sobre todo o estado de graza que no físico ofrece o equipo (sensacional, como sempre, o traballo de Toño Puga), permite a Quique Domínguez luxos como cambiar ata catro xogadores de golpe sen que o equipo se resinta.
Todo iso e bastante máis sucedeu fronte ao segundo clasificado, que foi minimizado nos primeiros trinta minutos por un Teucro enorme, que mediado o primeiro tempo avantaxaba aos cántabros por seis goles, cun elocuente 11-5.
Logo viría unha dobre exclusión de Víctor Rodríguez e David Chapela, que levou certo desconcerto ao ataque azul. Foron oito minutos de seca e cegueira en ataque que aproveitaron os visitantes para poñerse a un (12-11), cun parcial de 1-6 (minuto 23). Ata aí chegaron as bromas. O Teucro recuperou o seu sitio na pista, volveu asentar a sua defensa e con outro parcial, agora favorable, de 4-0, foise ao descanso cunha cómoda, aínda que non definitiva vantaxe.
Camiño dos vestiarios o técnico visitante, Rodrigo Reñones, perde os nervios e as formas. Protesta á parella arbitral e amaga cunha labazada que non se produce, pero que lle custa o vermello directo.
O Teucro volve á pista en superioridade, con Iago Gómez en portaría, que bota o cadeado, e unha defensa intensa. As consecuencia non se fan esperar, 19-11, oito goles arriba, en apenas tres minutos do segundo tempo.
Quedaba un mundo, pero o partido estaba sentenciado. O Teucro pasara por enriba do segundo clasificado, abrindo un oco de seis puntos (tres partidos) sobre o seu inmediato perseguidor ao que converteu (non é que o fose) nun equipo vulgar.
O que restaba de partido foi un mero trámite. Tanto sobrou que estiveron de máis e fora de lugar algunhas brusquidades finais, que acabaron coa descualificación directa de David Chapela. E as constantes e iradas protestas dun banco cántabro que encaixou mal a derrota e a súa contundencia. Porque a parella de colexiados estivo mal, si, pero non foi a culpable do resultado, senón un Teucro sólido, brillante en defensa, que segue crecendo e conta os seus partidos por vitorias. De momento a décima. Cal é o seu límite?.
SD TEUCRO (30): Ricardo Amérigo; García Pichel (6), Gonzalo Carró (1), Carlos García (5), Borja Pedreira (1), Dani Hernández (4), Edu Moledo (4) -sete inicial-, Iago Gómez (p.s.); Carlos Pombo (1), David Chapela (1, de penalti), Adrián Pumar (1), Marcos Dorado (2), Víctor Rodríguez (3), Iván Fernández (1) e Ameijeiras.
GO FIT (21): Ernesto Sánchez; David Merino, Postigo, Ros (2), Calderón (5), Herrero (2), Jorajuría (1) -sete inicial-, Salvarrey (p.s.); Muñiz, Canedo (4), Alberto Pla, Blázquez (2), Álvarez Liaño (4, 2 de penalti), e Merino (1).
Árbitros: Efrén Muñoz Díaz e Julio Posada González (Madrid). Descualificaron con vermello directo ao adestrador cántabro, Rodrigo Reñones, ao finalizar a primeira parte polas súas iradas protestas e ao xogador local David Chapela, por empurrar a un contrario no minuto 60. Excluíron por dous minutos a Víctor Rodríguez (2), David Chapela, Marcos Dorado (2) e Gonzalo Carró, polo Teucro, e a Calderón (2), Postigo, David Merino, Álvarez Liaño, Diego Muñiz (3, descualificado a falta de 8'9"), Canedo e Herrero, polo conxunto visitante.
Marcador (cada cinco minutos): 4-1, 7-3, 11-5, 12-8, 14-11, 16-11 (descanso), 19-12, 20-14, 23-15, 25-16, 27-18 e 30-21 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). Preto de 1.000 espectadores.
Relacionadas:
-
Unha máis: O Teucro imponse nun final impresionante (26-30) ao Handbol Bordils
Por Redacción |
-
Con optimismo pero con respecto, o Teucro visita a complicada pista do Handbol Bordils
Por Redacción |
-
Carlos García Alén repasa os seus catro anos de mandato e as esperanzas de futuro
Por Ramiro Espiño |
-
O Teucro reduce a súa débeda a menos da terceira parte en pouco máis de dous anos e convoca eleccións
Por Ramiro Espiño |
-
O Teucro pide o apoio da súa afección para recibir ao Sinfín: "El equipo está mereciendo que haya una mejor entrada"
Por Diego Espiño |