Non admiten a trámite a denuncia de tres xogadoras do Leis feminino contra o seu presidente
Por Alejandro Espiño
O Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra non admitiu a trámite a denuncia presentada por tres xogadoras do equipo feminino do Leis contra o seu presidente, José Antonio Nieto. Aseguraban ter sido vítimas dunha serie de episodios que terían atentado contra a súa dignidade persoal e a súa integridade moral, pero tras analizar a documentación presentada o xuíz entende que non existe delito ningún no seu comportamento.
O auto, ao que tivo acceso PontevedraViva, non entra a valorar o fondo da cuestión, é dicir, se se produciron ou non os devanditos episodios. Pero en todo caso conclúe que de ser certos os feitos afirmados polas tres denunciantes, unha delas menor de idade, "poderán merecer outro reproche -polo propio club, pola administración ou pola sociedade- pero non son feitos penalmente típicos".
De feito, o xuíz chega a recoñecer, tras analizar a documentación que as mozas achegaron na súa denuncia, que se terían podido producir por parte do presidente do Leis actitudes que poderían ser consideradas "machistas", "discriminatorias", "improcedentes" ou propias dunha "profunda falta de educación", pero que non se corresponderían cos delitos que se lle pretendían imputar, sancionados cun mínimo de seis meses de prisión.
O titular do xulgado, Xermán Varela, apunta tamén no devandito auto que a maior parte dos episodios denunciados, de terse producido tal e como se relatan, non serían delitos senón faltas e que estas terían prescrito ao terse cometido máis de seis meses antes da presentación da denuncia. Tampouco aprecia, como apuntaban as denunciantes, que sufrisen esta situación de forma continuada.
Neste sentido, Varela explica que "ningún deses feitos por si sós ten a entidade para entender que poderían ser cualificados como delito de trato degradante, nin estudado individualmente nin en conxunto (...) por moito reproche que noutros ámbitos mereza". Ademais, asegura que as formas de mirar ás xogadoras, as sensacións destas ou as sospeitas referidas na denuncia "non son base bastante para o inicio dun proceso penal".
REFLEXIÿN DO XUÍZ
"Non todo acto que poida entenderse no uso social da linguaxe como degradante debe ser cualificado como constitutivo de delito", di o xuíz
Xermán Varela aproveita o auto para facer unha reflexión sobre o sucedido con estas xogadoras. O xuíz insiste en que "non todo acto que poida entenderse no uso social da linguaxe como degradante debe ser cualificado como constitutivo de delito", pero matiza que "negar a consideración de delito a unha conduta, non é dicir que a mesma sexa aceptable ou que non mereza reproche (...) nin lle reduce en absoluto a importancia aos feitos".
"Non se debe pretender que ante calquera conduta reprochable a reacción que teña a sociedade sexa exclusivamente o dereito penal. Mal irá unha sociedade que só sabe empregar tal instrumento e que só entende que se debe reprochar aquilo que é delito, coma se un acto polo feito de non ser delito xa non merecese reproche social ou resposta dende as institucións", subliña o titular do Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra.
Afirma que os feitos que se relatan na denuncia, de ser certo, "poderían merecer certo reproche", xa que asegura que non hai xustificación ningunha para tratalas así. Xermán Varela entende que debe ser recoñecido o feito de telos denunciado e, da mesma forma, débese "expulsar do ámbito aceptado socialmente comportamentos discriminatorios ou denigrantes", teñan a gravidade que teñan.
JOSÿ ANTONIO NIETO: "QUIERO DEFENDERME PORQUE LA MANCHA ME QUEDA"
Tras coñecer este auto xudicial -que as afectadas xa confirmaron que recorrerán-, o presidente do Leis afirmou estar satisfeito por esta decisión. "Estaba tranquilo, pero la mierda que se me echó encima me pudo haber perjudicado", asegurou José Antonio Nieto, que avanzou que ofrecerá unha valoración máis ampla nunha rolda de prensa que prevé celebrar este venres.
En todo caso, explicou a PontevedraViva que "quiero defenderme porque la mancha me queda", polo que adiantou que ten a intención de emprender accións legais contra as tres xogadoras "porque no me puedo quedar así, de alguna manera habrá que compensar los meses que he pasado".
Relacionadas:
-
As ex-xogadoras do Leis presentan recurso ante o arquivo da denuncia contra o presidente do club
Por Diego Espiño |
-
Arquivada por segunda vez a denuncia contra o presidente do Leis, José Antonio Nieto
Por Diego Espiño |
-
Ex-directivos do Leis crean o Ciudad de Pontevedra Fútbol Sala
Por Diego Espiño |
-
José Antonio Nieto delega temporalmente as funcións de presidente do Leis "mientras dure el proceso judicial"
Por Diego Espiño |
-
A Audiencia estima o recurso das xogadoras do Leis e ordena tramitar a denuncia contra o seu presidente
Por Redacción |
-
O Leis defende que dará a baixa ás futbolistas apartadas cando "realicen a devolución do material propiedade do club"
Por Redacción |
-
As tres xogadoras que denunciaron ao presidente do Leis, pendentes do recurso xudicial e de lograr a baixa federativa
Por Diego Espiño |
-
A Marcha Mundial das mulleres reclama a Louzán que alonxe ao presidente do Leis das xogadoras
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os socios do Leis apoian a continuidade de José Antonio Nieto na presidencia
Por Diego Espiño |
-
Xogadores, directivos e adestradores do Leis pechan filas arredor do seu presidente
Por Redacción |
-
Acusan o presidente do Leis de buscar "algo más" que unha relación "normal" con algunhas xogadoras
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |