A Raña reunirá 220 parellas no Marín Atlantic Open de baile deportivo
Por Redacción
O Pavillón Municipal da Raña acollerá por quinto ano o Trofeo Concello de Marín de baile deportivo, denominado nesta ocasión tamén como Marín Atlantic Open.
Un total de 220 parellas de diversos puntos de España e Europa participarán este domingo 19 de abril nas diferentes competicións previstas, entre as que destaca as puntuables para o ranking mundial da World Dance Sport Federation (WDSF).
Esta catalogación eleva o nivel da cita, na que estarán os pontevedreses Patricia Martínez e Adrián Esperón, actuais campións de España de 10 Bailes, e parellas como os italianos Simone Carabellese e Lucía Cafagna ou os búlgaros Davide De Paoli e María Delitoneva.
Completa a programación unha proba puntuable para o ranking nacional e o Campionato Galego de Bailes Latinos.
O evento, organizado pola Escola de Baile Pasos, foi presentada este venres no Concello de Marín coa presenza do concelleiro de Deportes, Antonio Traba, e a deputada provincial Begoña Estévez.