Máis de 650 corredores participarán o sábado na Ponte Noite 5+5
Por Redacción
Un mínimo de 650 persoas participarán este sábado 13 de xuño na carreira Ponte Noite 5+5, a actividade central do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP). É un número de persoas inscritas para participar na actividade ata este luns, pero os organizadores prevén que poida haber unha cantidade maior de corredores, pois o prazo para rexistrarse seguirá aberto ata as 23.59 horas deste martes.
O concelleiro en funcións de Deportes, Agustín Fernández, e os responsables da Sociedad Gimnástica de Pontevedra presentaron a programación, que inclúe unha carreira de 10 quilómetros polo casco histórico, outra de 5 quilómetros e actividades complementarias como probas por idades, unha máster class de zumba ou a minicarreira solidaria Run for Parkinsons.
A presidenta da Asociación de Enfermos de Párkinson, Begoña Cerqueiro, explicou esta última actividade, que supón un percorrido de 600 metros polo casco histórico a partir das 20.50 horas e na que xa hai 28 persoas inscritas. Pontevedra é a a única cidade galega que se une a este movemento internacional ao que este ano se adhiren 47 cidades españolas.
A actividade, que tamén ten unha vertente solidaria en canto á concienciación contra o abandono animal, é o eixo central do CCCP. A modo de resumo do acontecido nos tres últimos anos, Agustín Fernández incidiu en que o Circuito tivo no ano 2013 un total de 218 corredores participantes, en 2014 houbo 263 e este 2015 xa van 397. Ao seu xuizo, o reto de cara aos vindeiros anos debería ser chegar a 500 participantes.
A carreira de 10 quilómetros, a única puntuable para o Circuito, ten un circuíto urbano que comeza na praza de España e circula boa parte do seu percorrido polo centro histórico. A saída está prevista para as 21.30 horas e haberá caixón de saída para os homes con marca inferior a 35 minutos (ou 1 hora e 15 minutos no medio maratón) e as mulleres con menos de 44.30 minutos (ou unha hora e 34 minutos no medio maratón).
Cinco minutos despois sairán os participantes na modalidade de 5 quilómetros, concibida para os que prefiren unha distancia máis curta e moi especialmente o público feminino, cada vez máis presente nas carreiras populares.