Confirman a celebración o 1 de agosto da cuarta edición da carreira popular +10 Marín
Por Redacción
A cuarta edición da +10 Marín Manuel Rosales - Gran Premio ENCE celebrarase o próximo sábado 1 de agosto, segundo confirmaron este martes os seus organizadores. Terá lugar de novo en horario nocturno, ás dez da noite, pero como novidade é que cambia ao sábado en lugar do venres, día elixido para os seus tres primeiros anos.
O obxectivo deste cambio, apuntan dende a organización, é seguir ampliando a participación na proba. Despois dos máis de setecentos inscritos da terceira edición, esperan superar por primeira vez o millar de corredores na proba adulta.
O circuíto será semellante ao de edicións anteriores, con saída nas inmediacións da Casa do Concello e chegada á Alameda, para realizar un total de 10 quilómetros. Un dos puntos relevantes volverá ser a entrada á Escola Naval. De novo as rúas de Marín volverán acoller un evento xa consolidado e que pretende resaltar o amor polo deporte da vila pontevedresa.
O prazo de inscrición xa está aberta e pódese realizar a través de www.cronotec.es. Como novidade, nesta edición haberá desconto para todos aqueles que se anoten con anterioridade á mesma semana da proba. Ata o día 26 de xullo o custo será de tan só 5 euros, mentres que os tres últimos días de prazo (27, 28 e 29) o custo ascenderá ata os 7 euros.
Ademais da proba absoluta, que realizarán conxuntamente a categoría masculina e a feminina, o +10 Marín volverá ser unha festa para os máis pequenos. As carreiras de menores, que se celebrarán con anterioridade á de 10 quilómetros, farán que tanto os nenos coma os seus pais poidan gozar dun gran día de deporte.
Os participantes contarán con avituallamento, servizo sanitario, zona de ocio, merenda e todo o necesario para celebrar a cuarta edición do +10 Marín que, un ano máis, homenaxea o atleta marinense Manuel Rosales.