Case 500 atletas inscribíronse xa para a XIX edición da carreira popular de Santiaguiño do Burgo
Por Alejandro Espiño
A carreira popular de Santiaguiño do Burgo, cuarta proba do circuíto de carreiras populares de Pontevedra, vai camiño de bater todos os records de participación. A unha semana de celebrarse, son xa máis de 460 atletas os que formalizaron a súa inscrición para unha proba deportiva que, como vén sendo habitual, se celebrará o próximo 25 de xullo, día no que se celebra a festividade do patrón do barrio.
De novo, a ponte do Burgo será escenario da saída e chegada dunha carreira que se celebra no ámbito natural envexable, a Xunqueira de Alba.
Ás once da mañá darase a saída da proba, na que os atletas deberán completar un percorrido de 6,45 quilómetros, case totalmente chairo. O trazado é mixto (asfalto, terra e herba) e aposta por espazos de riqueza natural como a Xunqueira de Alba e as beiras dos ríos Rons e Lérez, pasando ademais polas catro pontes que hai en todo este ámbito e por un tramo do Camiño Portugués.
Pero antes, xa dende as dez terán lugar as probas para os menores de idade, dende os máis pequenos, que correrán 50 metros na Ponte do Burgo e a avenida Domingo Fontán, aos cadetes e xuvenís cuxa proba será de 1.450 metros. Os que se queiran apuntar estas últimas poderán facelo ata o mesmo día da carreira.
A recollida de números pode facerse no Pavillón Municipal, a tarde do venres 24 ou o mesmo día da carreira. Para os participantes en categoría absoluta, a inscrición está aberta ata o martes 21 ás doce da noite, a través da plataforma www.championchipnorte.com.
A proba estará organizada un ano máis pola Asociacion Juvenil Santiago Peregrino do Burgo e o Concello de Pontevedra, a traves do Instituto Municipal de Deportes, e coa colaboracion técnica da Sociedad Gimnastica de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Víctor Riobó e Leticia Fernández impóñense nunha Carreira Popular Santiaguiño do Burgo de récord
Por Diego Espiño |
-
A carreira de Santiaguiño do Burgo máis popular
Por Redacción |
-
A PonteNoite 5+5 bate records malia a chuvia
Por Diego Espiño |
-
Rafael Fuentes e Leticia Fernández impóñense nunha concorrida Carreira Pedestre de Monte Porreiro
Por Diego Espiño & Diego Torrado |