A pretempada do Arxil, pendente do calendario da Copa Galicia
Por Redacción
Co equipo pechado, tras a renovación das últimas xogadoras que aínda non confirmaran o seu futuro, o Club Baloncesto Arxil afánase en planificar a pretempada.
Non obstante o período de preparación non pode definirse ata que se aclare o esquema e calendario de competición da Copa Galicia, na que participarán os catro equipos galegos de Liga Feminina 2 e o que milita en Liga Feminina, é dicir, Arxil, Cortegada, Celta, Ensino e Universitario Ferrol.
O próximo luns 24 os clubs reuniranse para intentar chegar a un acordo, posto que polo momento non pode pechar máis partidos amigables ante a incerteza nas datas.
As dúas opcións sobre a mesa son a de xogar unha liguiña a unha volta entre os catro elquipos de LF2, cuxo campión xogaría a final co Universitario, ou facelo en formato copa eliminatoria.
O que si é seguro xa é a data na que volverán aos adestramentos as xogadoras dirixidas por Mayte Méndez. Será o martes 1 de setembro para todo o equipo salvo para a xamaicana Yanique Gordon, que chegará a Pontevedra antes do día 6, e Sandra Entenza, con permiso do club.