Primeira vitoria da tempada (7-1) do Leis feminino ante o Chiloeches manchego
Por Redacción
Á terceira foi a vencida para o Leis feminino. As pontevedresas tiveron que esperar á terceira xornada de liga para conseguir os seus primeiros puntos nesta nova tempada na Segunda División do fútbol sala nacional. Foron á conta do Chiloeches, equipo ao que derrotaron no Pavillón Municipal de Pontevedra cun contundente 7-1.
As manchegas chegaban a Pontevedra moi curtas de efectivos, con só seis xogadoras. Aínda así, o partido iniciouse con moito ritmo e antes de que se cumprise o primeiro minuto ambos os equipos xa lograron marcar. O Leis, aos 25 segundos por medio de Jessica, e o Chiloeches cun gol de Ana aos 40 segundos. Pero foi un espellismo, xa que a partir de entón as pontevedresas dominaron o encontro.
Ao descanso chegouse co 3-1 no marcador, grazas aos tantos anotados por Jessica (minuto 4 e minuto 14). O Chiloeches tentouno con timidez, pero apenas logrou crear perigo na portería local.
A tónica do partido mantívose na segunda metade. A pesar de que as manchegas tentaron dominar o xogo nos primeiros minutos, enseguida o Leis volveu demostrar a súa superioridade, marcando Ali o 4-1 no minuto 24.
Tras iso, o Chiloeches optou por poñer porteira-xogadora pero tampouco lles serviu. Ao contrataque, as pontevedresas golpearon dúas veces máis con goles de Ali e Jessica.
Xa co rival visiblemente canso, Carla lograba marcar o 7-1 definitivo.
Con este triunfo, o Leis suma os seus tres primeiros puntos da tempada, o que lles sitúa na oitava praza da clasificación.