A taekwondista Sara Cortegoso xa está en Letonia para participar no Europeo júnior de combate
Por Redacción
Sara Cortegoso, taekwondista do club Mace Sport, será unha dos catro deportistas galegos que participarán no Campionato de Europa júnior de Combate que se está a celebrar en Daugavpils (Letonia).
A pontevedresa competirá o sábado 24 de outubro na categoría de -46 quilogramos.
Acadou a súa clasificación para este campionato europeo tras proclamarse campioa de España no seu peso. Ademais, Sara fixo unha preselección contra a valenciana Tamara Miquele, que era medallista mundial, pero a pontevedresa logrou a praza.
A pesar da súa idade, xa ten certa experiencia internacional, que pode ser fundamental nesta nova cita continental. Acadou no ano 2014 a medalla de bronce no Europeo sub 21 con só 16 anos.
No campionato de Europa da categoría júnior están inscritos un total de 448 deportistas e 196 técnicos. Os deportistas galegos estiveron preparándose estas semanas para participar no Europeo nas mellores condicións posibles. Para Sara Cortegoso será a súa última tempada nesta categoría.