Breogán Pereiro solicita a rescisión do seu contrato co Pontevedra
Por Diego Espiño
Breogán Pereiro converteuse no primeiro xogador do Pontevedra que solicita a rescisión do seu contrato ante a falta de minutos co equipo granate. O interior dirixiuse a Milo Abelleira para mostrarlle o seu desexo de abandonar a disciplina lerezana, "no he concretado nada con ningún equipo. Tengo algunos contactos, incluso una oferta del extranjero, pero mientras no arregle con el Pontevedra no haré nada".
O Pontevedra adebeda a Breogán mes e medio de soldo, igual que ao resto do primeiro equipo
O futbolista reunirase este venres co presidente do clube, Mauricio Rodríguez, para intentar chegar a un acordo económico. O Pontevedra adebeda a Breogán nestes momentos, ao igual que ao resto do primeiro equipo, a metade da nómina de novembro e todo decembro. Se se chega a un acordo Breogán poñerá fin ao seu breve paso pola cidade lerezana, aínda que o seu destino pode ser moi próximo, concretamente o Céltiga adestrado por Manolo Núñez.
A ficha que quedaría libre podería ser cuberta polo ex-granate David Pérez, xogador que se encontra sen equipo e que adestra cos granates dende principio de tempada. Milo Abelleira estaría conforme con esta opción, "eso me permitiría que David actuase en banda y pasar a Jacobo al centro".
O de Breogán pode non ser o único movemento no primeiro plantel do Pontevedra. Se se produce algunha baixa máis, os granates intentarían reforzarse con algún dos futbolistas descartados dos equipos galegos de Segunda B, Coruxo e Ourense. O corpo técnico traballa coa previsión de máis movementos e, segundo puido saber PontevedraViva, este mesmo xoves púxose en contacto co centrocampista Julio Bayo, que recentemente ten rescidido o seu contrato co Cerceda, aínda que as elevadas pretensións do futbolista afástano de Pasarón.