Problemas defensivos para o Pontevedra no primeiro desprazamento do ano
Por Diego Espiño
Agora que o Pontevedra parece ter encontrado a estabilidade defensiva, un gol encaixado nos últimos tres partidos, as ausencias obrigarán ao técnico granate, Milo Abelleira, a recompoñer filas.
Pablo perderase en Cangas o primeiro partido da presente tempada ao ter visto ante o Villalonga a quinta tarxeta amarela. A ese contratempo súmanse os problemas musculares de Caco que obrigan a que o capitán caia definitivamente da convocatoria do próximo domingo. Os dous xogadores, que ocuparon o centro da defensa no último compromiso ligueiro, non serán da partida e darán a alternativa, case con total seguridade, a David Sestelo e Yago Vázquez. O defensa do filial Cristóbal Domínguez, pola súa banda, incorporarase ao primeiro equipo para completar a lista.
Caco e Pablo únense no capítulo de baixas a Moisés Pereiro, que non se recuperou a tempo, e Pacheco, lesionado dende o mes de novembro.
Breogán Pereiro rescinde o seu contrato
Pontevedra e Breogán Pereiro chegaron a un acordo económico e o xogador ourensano, que aínda non debutara en liga, deixa de pertencer á disciplina lerezana. O corpo técnico traballa agora nunha incorporación que cubra o seu lugar aproveitando a partida económica que queda dispoñible. O preferido na casa granate é o centrocampista, ex do Cerceda, Julio Bayo, aínda que as súas pretensións económicas dificultan a operación. O técnico pontevedrés intentará convencer os dirixentes do clube para que realicen un esforzo e conseguir así os servizos do futbolista polo menos ata final de tempada.