Sete minutos de descoido colectivo cústanlle o partido ao BM Pontevedra (23-28) ante BM Lalín
Por Redacción
Partido de alternativas, con final desafortunado para un BM Pontevedra que deixou escapar a posibilidade de facerse cos dous puntos en pouco máis de sete minutos de desconcerto. Os de Kiko Pazos realizaron un partido cheo de altibaixos e pagárono fronte a un BM Lalín que soubo aproveitar a súa ocasión para terminar vencendo por 23-28, nun choque moito máis complicado que o que reflicten os números finais.
Os pontevedreses comezaron ben, cun parcial inicial de 3-0 nos cinco primeiros minutos, pero pronto viría o primeiro cambio de decoración. A reacción de Embutidos Lalinense non se fixo esperar e o seguintes quince minutos foron dun parcial de 3-10, que poñían a primeira vantaxe seria (6-10, minuto 20) para os visitantes.
BM Pontevedra conseguiría empatar pouco antes do descanso (11-11) e faríao de novo nada máis comezar a segunda parte, entrando o partido nunha dinámica de igualadas e vantaxes mínimas para un e outro equipo, ata o minuto 48 (21-21), momento no que os locais sufriron unha profunda fochanca que lles levou a encaixar un contundente parcial de 0-5, que puxo o marcador nun 21-26 insalvable, a falta de tan só cinco minutos.
Pachi Dacosta (7 goles) e Xosé Manuel Hermida (9 goles) foron os homes máis efectivos do BM Lalín, mentres que nos locais os máis acertados foron Miguel Roibás (7 goles) e Gonzalo García (5 goles).
Consulta aquí as estatísticas completas do partido.
POIO ARTAI RECIBE UNHA NOVA MALLEIRA (38-15)
De malleira en malleira. Así segue o Poio Artai que encaixou unha nova e abafadora derrota. Esta vez foi o Chapela o que se deu un festín á conta dos de Daniel Rey, que caeron por un 38-15 que evita calquera comentario.
Como mostra do desenvolvemento do partido basta dicir que aos 20 minutos o resultado era dun esmagador 14-3 para os redondelanos, que se foron ao descanso con 19-7 a favor e o partido resolto.
A segunda parte, co Chapela sen necesidade de forzar, unicamente serviu para ver crecer a diferenza, con Coke Fontenla (8 goles) como máximo realizador do partido.
Relacionadas:
-
Granitos Ibéricos supera a BM Pontevedra (29-27) e Poio Artai sofre outra malleira (18-32) a mans de OAR Coruña
Por Redacción |
-
Atlético Novas impón a lóxica fronte a BM Pontevedra (21-29) e Poio Artai perde unha final en Redondela (33-14)
Por Redacción |
-
BM Pontevedra leva o derbi de necesitados ao impoñerse (20-23) ao Poio Artai
Por Redacción |
-
BM Pontevedra acariña a remontada imposible en Coia (29-23) e Poio Artai cae ante Luceros (17-33)
Por Redacción |
-
Seguen sen levantar cabeza BM Pontevedra e Poio Artai, que caen (25-32) fronte a BM Cañiza e Calvo Xiria (34-12)
Por Redacción |
-
Derrotas do BM Pontevedra en Lavadores (30-29) e Poio Artai na Seca ante BM Artabro (18-25)
Por Redacción |