Portonovo e Sanxenxo se estancan e o Villalonga mantén o ritmo no liderado da Preferente
Por Redacción
Duro correctivo o encaixado polo Xuventú Sanxenxo en Baltar de Arriba ante o Gondomar, que lle endosou unha dolorosa goleada (0-5).
O conxunto visitante mostrouse moito máis acertado desde o asubío inicial e pronto se puxo por diante, aos 5 minutos, para despois ir ampliando aos poucos a súa vantaxe, que no 45 xa era de 0-3, ante a impotencia dos amarelos.
Tampouco o foron ben as cousas ao Portonovo, que caeu derrotado (3-1) na súa visita ao campo do Caselas.
Manu Neto conseguiu igualar aínda na primeira metade o tanto inicial dos locais, pero ao final o Caselas quedou cos puntos en xogo grazas ao triplete de Ramilo.
Mellor fóronlle as cousas ao Villalonga, que retomou a senda do triunfo ao vencer, non sen apuros, ao Mondariz no estadio de San Pedro (2-0).
Os celestes tiveron que empregarse a fondo e só foron capaces de superar ao seu rival no últimos dez minutos cos goles de Héctor e Diego Blanco.
Completou a xornada de Preferente o Céltiga cunha derrota pola mínima (1-0) ante o Arenteiro.
A clasificación segue liderada en solitario polo Villalonga con 28 puntos, con cinco de vantaxe sobre o segundo clasificado. O Céltiga pola súa banda cae á sétima praza con 18 puntos, o Portonovo á undécima con 15 e o Sanxenxo ocupa o décimo quinto posto con 13.