Empate sen goles entre Portonovo e Sanxenxo e o Villalonga, máis líder
Por Redacción
Portonovo e Sanxenxo empataron a todo (0-0) no partido destacado da xornada no Grupo Sur de Preferente, unha repartición de puntos que fai a ambos os equipos perder a oportunidade de achegarse á zona nobre da clasificación.
Ademais do escaso acerto, o derbi tamén foi igualado en expulsións, cunha de Fraga para o Portonovo aos 34 minutos e outra para o Sanxenxo, que non soubo aproveitar a superioridade, xa na segunda metade, de Jesús Vidal.
O empate deixa aos arlequinados décimos con 16 puntos e aos amarelos no posto 13 con 14 puntos.
O equipo máis beneficiado nesta xornada foi o Villalonga, que se consolida aínda máis no liderado tras vencer pola mínima (0-1) en casa do Gondomar, segundo clasificado.
Un gol de Adrián Santos aos cinco minutos de xogo resultou suficiente para os celestes, que avantaxan agora ao seu rival máis inmediato en oito puntos.
O que se aproxima á zona de ascenso é o Céltiga, tras golear, con susto incluído, ao pechacancelas Monterrey (4-1), que se adiantou no marcador.
Os da Illa son quintos con 21 puntos, a dous da zona de ascenso directo.
Non tivo tanto acerto o Unión Grove, único equipo da comarca derrotado na xornada ao ceder no Monte da Vila (0-1) contra o Caselas cun gol de penalti de Ramilo na segunda metade.
O conxunto meco é agora décimo sexto con 13 puntos.