O equipo masculino do TM Monte Porreiro pecha o ano na segunda posición
Por Redacción
Cinco vitorias consecutivas encadea xa o equipo masculino do Tenis de Mesa Monte Porreiro na División de Honra, o que lle situou nunha posición de privilexio no final de ano.
Os pontevedreses son segundos, en postos de fase de ascenso á máxima categoría, con 12 puntos, aínda que xogaron un encontro máis que os seus principais rivais.
De todos os xeitos é a mellor clasificación do Monte Porreiro a estas alturas da tempada.
Fixérono tras vencer a pasada fin de semana ao Establecemientos Otero de Cambados por un contundente 5 a 1 nun enfrontamento disputado no pavillón da Cidade Infantil Príncipe Felipe.
Nico Galvano achegou o primeiro punto para os locais, o que deu tranquilidade para que despois Santi Prieto puxese o 2-0 e Nacho Fernández achegase o terceiro punto en xogo. Recortou distancias o Cambados, pero Nico gañou o seu segundo partido sentenciando o enfrontamento.
O Monte Porreiro non volverá á competición ata o próximo ano, concretamente o 10 de xaneiro recibindo na casa ante o Marpex-Oargi.