Fusión no tríatlon pontevedrés: o club Motobike une as súas forzas co Galaico
Por Redacción
Reza o dito que a unión fai a forza. E iso pensarían os responsables do Club Tríatlon Motobike e da sección de tríatlon do Club Natación Galaico. Ambos chegaron a un acordo para fusionarse e crear un novo equipo: o Tríatlon Moto Bike Galaico Pontevedra.
O novo club presentarase en sociedade o vindeiro luns 28 de decembro, ás once e media da mañá, na biblioteca do complexo deportivo Rías do Sur. Terán como padriño de excepción ao pentacampeón do mundo, Javier Gómez Noya.
Alí coñeceranse todos os detalles desta fusión, que crea un club chamado a ser a gran referencia deste deporte na cidade de Pontevedra.
Desde o Club Natación Galaico sinalan que se realiza así unha aposta "definitiva" polo tríatlon de base na cidade, "que cada vez é máis escollida polos mellores deste deporte para vivir e adestrar", seguindo o exemplo de Gómez Noya.
De feito, o primeiro proxecto conxunto de ambos os clubs foi a posta en marcha dunha escola de tríatlon, dirixida a nenos e nenas das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, e que conta xa con 35 mozos deportistas, que adestran en Rías do Sur e nas inmediacións da Illa das Esculturas.