Cruzamento accesible para Lourdes Domínguez na primeira rolda do Open de Australia
Por Diego Espiño
Lourdes Domínguez conta as horas para iniciar a súa participación no primeiro Grand Slam da tempada tenística, o Open de Australia.
Este venres celebrouse o sorteo do cadro final do torneo, no que a pontevedresa entra de maneira directa polo seu posto no ránking WTA (99) e que foi accesible para os seus intereses.
A tenista galega esquivou aos grandes cocos do torneo na primeira rolda, na que terá como rival á alemá Anna-Lena Friedsam, deportista de 21 anos que ocupa actualmente o posto 83 da clasificación mundial.
Será un enfrontamento inédito no circuíto profesional, xa que nunca se viron as caras.
No caso de avanzar a segunda rolda, a súa mellor clasificación histórica nas pistas de Melbourne, Lourdes Domínguez cruzaríase coa estadounidense Sloan Stephens, cabeza de serie número 24, ou cunha tenista chegada da fase previa.