O Leis deixa escapar dous puntos ao empatar na casa (4-4) co Esteo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un novo punto suma o Leis Pontevedra esta tempada ao empatar a catro goles contra O Esteo, nun partido disputado o pasado sábado no Pavillón Municipal. Pero polo visto sobre a pista, dá a sensación máis ben que os pontevedreses deixaron escapar dous puntos, ao levar a iniciativa en todo o partido pero non ser capaz de sentenciar o encontro.
A cada gol que marcaba o Leis respondían os coruñeses empatando o encontro. Así, os pontevedreses adiantáronse no minuto 6 cun gol de Martín Rodríguez, pero na xogada seguinte Gerardo establecía o 1-1 no marcador. Pero o Leis foise ao descanso por diante, grazas a un tanto de Pablo que bateu por baixo ao porteiro visitante.
O segundo tempo tivo unha tónica similar ao primeiro. O Leis marcaba o ritmo de xogo e O Esteo defendíase esperando a súa oportunidade. Esta chegaría no minuto 27, marcando Javichu o 2-2.
A partir de aí, Borja no minuto 32 volvía adiantar aos locais e dous minutos despois Cristian aproveitaba un desaxuste defensivo do Leis para facer o 3-3.
Os pontevedreses viron preto a vitoria cando Gabi, a falta de tres minutos, marcaba o 4-3. Pero a alegría durou pouco para o Leis, xa que nada máis sacar de centro un rexeite morto na área local foi aproveitado por Cristian para establecer o 4-4 definitivo.
LEIS PONTEVEDRA FS (4): Ilian, Miguel, Gabi, Raúl, Borja -cinco inicial- David, Carlos, Gustavo, Martín F, Martín R, Pablo e Berto.
O ESTEO FS (4): Javichu, Bertito, Cospe, Héctor, José López -cinco inicial- Púas, Alberto, Gerardo, Fran, Tucho
Goles: (1-0) Martín R., minuto 7. (1-1) Gerardo, minuto 7. (2-1) Pablo, minuto 12. (2-2) Javichu, minuto 27. (3-2) Berto, minuto 32. (3-3) Cristian, minuto 34. (4-3) Gabi, minuto 37. (4-4) Cristian, minuto 37.
Árbitros: Manteiga Rodríguez da Coruña e Dans Rey de Santiago
Incidencias. Partido disputado no Pavillón Municipal de Pontevedra.