Lolo Penas e Paula Mayobre, gañadores do segundo medio maratón Maralba
Por Redacción
A segunda edición do medio maratón Maralbatur congregou este domingo a preto de 600 atletas nunha animada mañá deportiva.
Axudados por ausencia da choiva, que ameazaba con deslucir a proba, os deportistas populares saíron do Grove á primeira hora da mañá para completar os 21 quilómetros de percorrido do medio maratón ata a praia de Silgar, en Sanxenxo.
Os últimos metros da proba foron pola area da propia praia, onde estaba situada a chegada.
O primeiro en chegar á liña de meta foi Lolo Penas, cun tempo de 1:08:44, seguido por Akka Essaadaoui (1:09:40) na segunda posición e Elías Domínguez na terceira (1:11:40).
Na categoría feminina a vencedora foi Paula Mayobre (1:22:07), completando o podio Beatriz Fernández (1:25:41) e Mónica Granero (1:26:16).
Antes da carreira, ademáis, rendeuse unha sentida homenaxe a Juan Figuero, un dos mellores atletas galegos da década dos 70 e 80.