Támara Echegoyen, lonxe das medallas na súa última regata antes de Río 2016
Por Redacción
Non lles foron as cousas todo o ben que esperaban a Támara Echegoyen e Berta Betanzos na súa última regata antes da cita olímpica de Río 2016. As representantes españolas na clase 49erFX finalizaron en undécima posición na Sailing World Cup de Weymouth, quedando fóra da definitiva Medal Race deste domingo.
"Temos que estar moi tranquilas porque demos todo na auga e sobre todo non perdemos nunca a capacidade de remontar e de, regata a regata, aprender dos erros para facer a seguinte mellor", declaraba desde Weymouth a patroa e medalla de ouro en Londres 2012.
Un total de sete regatas, das doce que estaban programadas ata o sábado, foron as que puido completar a frota de 49erFX, o skiff feminino.
Nelas, a inestabilidade do vento, e sobre todo a súa pouca forza, puxeron en xaque á tripulación galego-cántabra, como recoñecía a propia Támara que sinalou que "tivemos un día de ventos moi lixeiros e non soubemos reaccionar ben nas regatas, pero sabemos que isto é parte do proceso de aprendizaxe".
Tras a Medal Race de hoxe, as británicas Charlotte Dobson e Sophie Ainsworth gañaron o ouro, con só un punto de vantaxe sobre as neozelandesas Alexandra Maloney e Molly Meech.
"Hai que seguir apuntando no caderno e valorar a oportunidade que tivemos en Weymouth de facer estas regatas con tan pouco vento e inestabilidade, así que estamos satisfeitas e con ganas de volver á auga", explicou a pontevedresa tras concluír a súa participación en Weymouth.